Skip to main content

Unha xornada conmemorou o Día da Enfermaría

Mesa sobre docencia
Na mesa relativa a docencia participaron, de esquerda a dereita, as profesoras Isabel López e Raquel Rodríguez, e o profesor Marcos Pazos. Diante, os estudantes Guillermo Álvarez e Lara Padín
A Facultade compostelá xunto coa Área Sanitaria de Santiago e Barbanza organizou esta xornada que permitiu destacar o intenso labor deste colectivo profesional na actual na pandemia sanitaria
Santiago de Compostela

A Facultade de Enfermaría, xunto coa dirección de Enfermaría da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, conmemoraron o Día da Enfermaría coa xornada ‘Sinerxía é futuro’, organizada na data en que se celebra o aniversario do nacemento de Florence Nightingale. No transcurso do acto inaugural que contou coa participación do reitor Antonio López, a decana da Facultade, Ana Silveira, e do director asistencial da Área sanitaria, Alfonso Varela, destacouse o intenso labor do colectivo profesional da Enfermaría na actual pandemia sanitaria, así como o compromiso e o traballo do alumnado e do profesorado da Facultade da USC para desenvolver con éxito o cribado masivo entre a comunidade universitaria do pasado outono.

A xornada estivo articulada arredor de tres mesas redondas nas que reflexionou sobre o estado actual e retos futuros da formación de grao e posgrao, a situación actual das especialidades ou sobre o estado actual da investigación en Enfermaría. “O noso alumnado gradúase cun alto nivel de competencias que lles permite encarar con éxito o seu futuro laboral inmediato, non só no ámbito asistencial, senón tamén noutros ámbitos, como o a investigación, a docencia ou a xestión”, sinalou a vicedecana desta Facultade compostelá Raquel Rodríguez no transcurso da primeira das mesas programadas.

As solicitudes de admisión para estudar o grao en Enfermnría na USC incrementáronse en mais dun 50% no presente curso, o que reflicte a elevada demanda desta titulación. “Os cambios sociais, culturais, científicos ou tecnolóxicos formulan novos retos con repercusión no ámbito académico, e os plans de estudos deben adaptarse para dar resposta ás demandas da sociedade”, continuou Rodríguez. Nesta liña, Isabel López, enfermeira Profesora Asociada de Ciencias da Saúde, resaltou a importante carga lectiva das prácticas clínicas neste grao, do que supoñen un 35% dos créditos, así como o “notable nivel organizativo que requiren e a excelente valoración por parte tanto do persoal colaborador coma do alumnado, que se integra plenamente no equipo asistencial”.

Especialidades

En relación as especialidades neste eido profesional, a mesa organizada permitiu recoller a participación de Enfermeiras Residentes (EIR) das especialdiades de Enfermería Obstétrico-Xinecolóxica, Saúde Mental, Pediatría, e Familiar e Comunitaria, as tres últimas de recentamente incorporación na oferta formativa da área sanitaria de Santiago e Barbanza. A mesa permitiu poñer o acento nas unidades asistenciais multidisciplinares e as vantaxes de que diferentes profesionais sumen esforzos para ofrecer un tratamento integral a determinadas patoloxías.

Para acabar, no capítulo reservado a investigación en Enfermaría e os retos asociados neste eido, a profesora Cristina Jorge destacou que “sen dúbida, cada vez son máis as enfermeiras que desenvolven unha carreira investigadora acadando posicións de liderado nos proxectos. A participación en grupos interdisciplinares e a publicación en revistas científicas con diferentes perfís enriquece tanto ao colectivo investigador como ao conxunto da profesión”. A xornada contou tamén coa intervención de Azucena Santillán, autora do blog Ebevidencia e recentemente nomeada como unha das cen mellores enfermeiras do mundo, ‘100+ outstanding Nurses e Midwives Leaders, iniciativa da fundación Women in Global Health.

No acto de clausura interviñeron a directora da área sanitaria, Victoria Carral, a presidenta do Colexio Oficial de Enfermaría da Coruña, Inés López, a xerente da Área sanitaria, Eloína Núñez, e o conselleiro de Sanidade, Xulio García Comesaña, que adiantou a próxima aprobación da prescrición enfermeira en Galicia, reclamada polo colectivo dende hai tempo e que suporá un paso importante no recoñecemento das competencias destes profesionais.

 

De esquerda a dereita: Alfonso Varela, Victoria Carral, Ana Silveira e Antonio López
De esquerda a dereita: Alfonso Varela, Victoria Carral, Ana Silveira e Antonio López
The contents of this page were updated on 05.14.2021.