Skip to main content

Universidade de Verán 2021

‘Interpretar os debuxos infantís: Todo o que din os nenos/as a través dos seus deseños’

06.21.2021 | 09.00h

Volta a Universidade de Verán tras ser suspendida en 2020, por primeira vez en máis de trinta anos, a causa da pandemia da COVID-19

Debuxos infantís. Foto: Pixabay
Debuxos infantís. Foto: Pixabay

O curso ‘Interpretar os debuxos infantís: Todo o que din os nenos/as a través dos seus deseños’, organizado e dirixido pola profesora María Lidia Platas Ferreiro, inaugura os días 21 e 22 de xuño a programación da Universidade de Verán 2021 na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo. As persoas interesadas en consultar o programa poden facelo a través desta ligazón.

Os obxectivos desta proposta formativa estival pasan por reflexionar sobre como, a partir dos deseños infantís, os nenos e nenas proxectan sentimentos, actitudes, medos... que non son capaces de verbalizar. Os seus deseños son unha ferramenta de gran valor como técnica proxectiva e polo seu potencial para diagnosticar, previr e tratar posibles dificultades, así como para descubrir a personalidade, temperamento e capacidades e, en xeral, o seu mundo interior.

A actividade formativa, para a que se ofrecen un máximo de 55 prazas, está estruturada en 15 horas lectivas, que se desenvolverán en quenda de mañá e tarde. As persoas matriculadas recibirán cadanseu diploma acreditativo unha vez rematadas as sesións programadas. A USC recoñecerá a asistencia a este curso cun crédito ECTS para o seu alumnado de grao.

O prazo de matrícula neste seminario da Universidade de Verán 2021 permanece aberto ata o 11 de xuño. O prezo da inscrición é de 70 euros, aínda que a USC ofrece unha taxa reducida de 40 euros a estudantes universitarios, de bacharelato ou de formación profesional, pensionistas, desempregado/as, socios da Asociación de Antigos Alumnos da USC e PDI e PAS da USC.

 

The contents of this page were updated on 05.19.2021.