Skip to main content

‘(In)visibles e sonoras’, unha nova edición das Xornadas de Música Contemporánea

Cartel do ciclo
Cartel do ciclo
O programa desenvolverase do 1 ao 29 de xuño no Auditorio de Galicia, Teatro Principal, CGAC e Praza das Praterías
Santiago de Compostela

A nova edición das Xornadas de Música Contemporánea que este ano levan por título ‘(In)visibles e sonoras’ contarán cun total de tres coloquios e nove concertos que se celebran do 1 ao 29 de xuño e que ofrecen programas con obras compostas por mulleres case na súa totalidade. A programación comeza o martes 1 cun Solo de Arpa de Cristina Montes Mateo, que ofrece un programa de música orixinal de nove compositoras españolas. O eixo transversal deste ciclo son as compositoras, intérpretes, ou estudosas.

O mércores 9, botarase unha ollada interdiciplinar á obra de Maruja Roca coa estrea de ‘120 fotografías + 8 fabulacións’. O xoves 10 chega o concerto da Banda Municipal de Música que colabora coas Xornadas como é habitual cada ano. Faino co programa ‘Elas’ e con obras compostas todas por mulleres entre as que destacan ‘A raíña Lupa’ de María Mendoza, gañadora de numerosos premios de composición. O evento terá lugar na praza das Praterías. Paco Varoch, piccolo, e Adrián García, percusión, achegan ‘Dolce Tormento’ o venres 11, con composicións ou adaptacións todas de mulleres: Marina Uceda Farré, Martina Sabariego ou Carla Rees, entre outras.

O luns 14 e de novo o luns 21, a musicóloga Rosa María Fernández presenta ‘Elas fan ópera’, un percorrido polas diferentes achegas que teñen feito a esta arte contemporánea as máis sobresaíntes dramaturgas, compositoras, directoras de escena e cantantes. O mércores 16 as Xornadas entran no CGAC onde se poderá gozar de ‘Catro continentes’ coa pianista Elisa Vázquez Doval, un programa de novo formado integramente por composicións feitas por mulleres.

O xoves 17 desenvolverase outra das colaboracións habituais das Xornadas: a da Real Filharmónica de Galicia. Dirixidos e dirixidas por Diego García Rodríguez, presentan un programa de catro compositoras de moi distintas xeracións e culturas. Unha delas, Raquel García-Tomás, participará nun Conversando que terá lugar antes do concerto tamén xunto ao director.

O martes 22 o Trío Zukan presenta ‘Miradas Sonoras’ e o venres 25 chega ‘Un pecado cheo de pracer’ da man de Vertixe Sonora; ambos os dous programas con obras compostas por mulleres e no caso de Vertixe inclúe a estrea absoluta de catro delas de Yulan Yu, Manuela Guerra, Eda Er e Alyssa Aska.

A programación péchase o martes 29 con ‘Cello&Electronics’ da man de Margarida Mariño, violonchelista, e o deseño de iluminación e escenografía de Laura Iturralde.

Entrada de balde

As xornadas celébranse en diferentes espazos da cidade: Auditorio de Galicia, Teatro Principal, CGAC e Praza das Praterías. Todos os eventos serán con entrada de balde, previa retirada de convites. As entradas poderán collerse, como é habitual, semanalmente, nesta web dende as 10.00 horas da mañá de cada luns. Tamén de xeito presencial no novo despacho de billetes de Compostela Cultura, na Zona C. Punto de Información Cultural (Preguntoiro, 1) no seu horario habitual: de martes a sábado de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas e domingos de 11.00 a 14.00 horas. Ademais, tamén se poderán retirar dende unha hora antes de cada evento no despacho de billetes do Teatro Principal e desde unha hora e media no do Auditorio de Galicia, se para daquela quedan billetes dispoñibles.

A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, tomou parte no acto de presentación desta iniciativa xunto á concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; Xosé Luís Penas, deputado provincial da Deputación da Coruña; e Santiago Olmo, director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en representación das entidades que organizan as Xornadas e que contan tamén co apoio do Consorcio de Santiago.

A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, tomou parte no acto de presentación desta iniciativa xunto á concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; Xosé Luís Penas, deputado provincial da Deputación da Coruña; e Santiago Olmo, director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en representación das entidades que organizan as Xornadas e que contan tamén co apoio do Consorcio de Santiago
A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, tomou parte no acto de presentación desta iniciativa xunto á concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; Xosé Luís Penas, deputado provincial da Deputación da Coruña; e Santiago Olmo, director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en representación das entidades que organizan as Xornadas e que contan tamén co apoio do Consorcio de Santiago
The contents of this page were updated on 05.27.2021.