Skip to main content

Unha viaxe a Bangladesh da man da mostra ‘Dez anos en Daca’

A exposición serve asemade para lembrar o éxito que o proxecto da Cátedra Inditex logrou nestes dez últimos anos froito da colaboración directa entre USC, UDC e a Universidade de Daca, co apoio de Inditex. FOTO: Santi Alvite
A exposición serve asemade para lembrar o éxito que o proxecto da Cátedra Inditex logrou nestes dez últimos anos froito da colaboración directa entre USC, UDC e a Universidade de Daca, co apoio de Inditex. FOTO: Santi Alvite
As imaxes expostas dende este mércores ata o 30 de xuño no Claustro Alto de Fonseca son froito da curiosidade de Santiago Fernández Mosquera por coñecer o país que acolle, dende hai dez anos, o proxecto da Cátedra Inditex de Lingua e cultura españolas na Universidade de Daca, da que é na actualidade director
Santiago de Compostela

A exposición ‘Dez anos en  Daca’ é o resultado da curiosidade de Santiago Fernández Mosquera por coñecer o país que acolle, dende hai dez anos, o proxecto da Cátedra Inditex de Lingua e cultura españolas na Universidade de Daca, da que é na actualidade director. Esta mostra fotográfica exhibe fotografías que reflicten a vida cotiá do país. As imaxes expostas no Claustro Alto de Fonseca non pretenden ser unha visión xeral de Bangladesh, senón unha mostra concreta das súas xentes, os estudantes da súa universidade, algúns oficios e paisaxes afastados da cidade e, en xeral, o ambiente dun lugar ateigado de vida. A mostra que se inaugurou este mércores poderá visitarse ata o 30 de xuño.

“Bangladesh acolle unha iniciativa que parecía un desafío hai dez anos: a creación da Cátedra Inditex nada co obxectivo do ensino do español e da cultura  hispanoamericana en Daca aos alumnos da súa universidade e, en xeral, aos bangladesís desexosos de coñecer unha cultura non sempre próxima ao seu contexto”, explican dende a organización da mostra. Para iso, ademais das clases normalizadas de lingua española ofrecidas a máis de 3.000 alumnos durante estes anos e impartidas nos locais construídos por Inditex, tamén se organizaron conferencias, seminarios, congresos e exposicións. Completan este abanico de actividades as máis de 30 bolsas de estancia nas dúas universidades galegas aos alumnos con mellor aproveitamento.

Alén destas accións de tipo académico, o enfoque social deste proxecto alenta a inclusión do alumnado menos favorecido, ademais dunha política de promoción entre as estudantes femininas que logrou alcanzar unha alta porcentaxe de participación en todas as súas actividades. A exposición serve asemade para lembrar o éxito que o proxecto da Cátedra Inditex logrou nestes dez últimos anos froito da colaboración directa entre USC, UDC e a Universidade de Daca, co apoio de Inditex.

O acto inaugural da mostra celébrouse este mércores, no Salón  Nobre do  Colexio de Fonseca. Xunto ao reitor Antonio López, tomaron parte no acto o reitor da UDC Julio Abalde; o embaixador de Bangladesh en España,  H. E.  Mohammad  Sarwar  Mahmood; e Antonio Abril Abadín, presidente do  Consello Social da UDC.

O reitor visitou esta mostra situada co Claustro Alto de Fonseca. FOTO: Santi Alvite
O reitor visitou esta mostra situada co Claustro Alto de Fonseca. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 06.03.2021.