Skip to main content

Tanxugueiras abre ‘Na Bocanoite’ desde a Casa do Saber

7/7/2021 - 20.30 horas

Lugo
Casa do Saber

O trío de pandeireteiras e cantareiras galegas ofrece este mércores, a partir das 20.30 horas, un concerto ao aire libre promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural

Integrantes do trío de cantareiras galegas Tanxugueiras
Integrantes do trío de cantareiras galegas Tanxugueiras

O trío de pandeireteiras e cantareiras galegas Tanxugueiras, unha formación artística creada hai xa un lustro por Aida Tarrío e as xemelgas Olaia e Sabela Maneiro, abrirá este mércores 7 de xullo, ás 20.30 horas, desde a solaina da Casa do Saber de Lugo, a segunda edición do ciclo ‘Na Bocanoite’, cun espectáculo sonoro que servirá asemade para presentar ao público lugués o seu último traballo, ‘Midas’, un disco no que estas valentes, fortes e empoderadas da nova década mesturan a tradición e a vangarda.

O último disco deste trío de cantareiras leva o nome dun tema homónimo, a través do que Tanxugueiras dá conta do seu poderío e da súa enerxía, ao tempo que xira cara a fusión da súa música con estilos máis urbanos, próximos ao trap ou á música electrónica, un camiño que xa comezan a explorar no anterior álbum.

O concerto de Tanxugueiras servirá de apertura do ciclo musical ‘Na Bocanoite’, unha iniciativa incluído na programación cultural deseñada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, xestionado pola USC e que tamén conta co apoio económico do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo, e a través da que se pretende manter viva a oferta cultural ao aire libre na capital luguesa durante o mes de xullo. As entradas para acudir a este concerto xa están esgotadas.

The contents of this page were updated on 07.06.2021.