Skip to main content

Cerimonia de entrega de premios do VI Findecurta

8/7/2021 - 20.30 horas

Auditorio Gustavo Freire (Lugo)

A sesión pública desenvolverase este xoves, a partir das 20.30 horas, no auditorio Gustavo Freire, trala emisión das curtas presentadas ao certame organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural

Cartaz do VI Findecurta
Cartaz do VI Findecurta

O certame ‘Findecurta’, unha convocatoria a prol do cinema en galego promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural celebrará este xoves 8 de xullo, a partir das 20.30 horas, a cerimonia de entrega de premios da súa sexta edición no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo no marco dunha gala na que o público asistente poderá visualizar todas as propostas presentadas a esta edición do certame.

A entrega dos galardóns ás dúas mellores propostas desenvolverase ao remate da gala, cando o xurado do VI Findecurta emitirá o seu fallo e dará a coñecer a cinta gañadora, cuxos autores recibirán como premio unha gratificación en metálico de 500 euros, ademais da posibilidade de participar coa súa curtametraxe na 43ª Semana de Cine de Autor de Lugo, na que competirá polo Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega.
Asemade, os autores da curta máis valorada polo público presente na sala tamén recibirán como agasallo a posibilidade de presentar e competir polo premio do público na  próxima edición da Semana de Cine de Autor de Lugo.

As persoas interesadas en asistir como público a esta festa do cinema galego da man de novos creadores poden solicitar os seus convites de balde a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es). Tamén se pode acadar máis información a través do número de teléfono 982 821 513.

 

The contents of this page were updated on 07.07.2021.