Skip to main content

A Universidade de Santiago e sindicatos alcanzan un acordo para a integración do Servizo de Limpeza na Fundación USC

Este modo de xestión, a través da Fundación USC, permitirá manter o actual cadro de persoal. FOTO: Santi Alvite
Este modo de xestión, a través da Fundación USC, permitirá manter o actual cadro de persoal. FOTO: Santi Alvite
A institución compostelá recupera a partir do 1 de setembro a xestión deste servizo que conforma un cadro de persoal de 260 persoas en Santiago e Lugo
Lugo, Santiago de Compostela

A USC recuperará a partir do 1 de setembro a xestión directa do Servizo de Limpeza coa finalidade de aplicar un modelo de xestión que buscará optimizar os procesos, mellorar a xestión, ao tempo que favorecerá a mobilidade e a flexibilidade do cadro de persoal. Este modo de xestión, a través da Fundación USC, permitirá manter o actual cadro de persoal, integrado por preto de 200 persoas en Santiago e medio cento en Lugo, que xa tiñan equiparadas as súas condicións laborais coas do resto do persoal de administración e servizos. A medida foi negociada coas ata agora empresas concesionarias e coa representación sindical a quen o xerente da USC, Javier Ferreira, recoñece unha actitude exemplar en todo o proceso.

A decisión conta cun informe previo dunha consultora especializada externa para estimar tanto a viabilidade da xestión directa do servizo, contemplada nos propios Estatutos da USC, como dos seus principais indicadores económicos. O Servizo de Limpeza universitario atende unha superficie de aproximadamente medio millón de metros cadrados cun custe anual de 8 millóns de euros, con diferentes necesidades e particularidades dada a diversidade de servizos ofertados na USC. Ademais, a estimación inicial é que a medida poida ter un impacto positivo en termos económicos nos orzamentos da USC, cun aforro próximo ao 10% do custe do servizo. Neste senso, a universidade compostelá aproveitará as posibilidades das novas tecnoloxías neste eido coa utilización dunha aplicación específica sobre ocupación de espazos. O obxectivo será profundar na mellora do servizo, buscando unha atención personalizada ás necesidades de cada espazo en función da natureza das actividades que acolle.

En representación do cadro de persoal do Servizo, integrado por preto de 260 persoas, Leonardo da Cruz Blanco, asesor da CUT na USC, afirma que a decisión vén dar resposta a unha reclamación do colectivo e representa unha aposta pola “fundación pública como vía para acadar unha mellor eficiencia económica no servizo”. Leonardo da Cruz sinala tamén que este xeito de proceder pon de manifesto unha maior responsabilidade na xestión dos recursos públicos e deixa aberta a porta á negociación dun novo marco laboral para o persoal.

Anxo Noceda, de CIG, valora “moi positivamente unha decisión que supón reverter un servizo privatizado ao público”. En opinión do representante sindical, a medida “vai conducir a unha mellora tanto das condicións laborais e económicas do persoal como a unha mellora do propio servizo”. Noceda indicou que “non podemos deixar de recoñecer o avance e importancia que supón este proceso de internalización” na medida en que abre novas vías de negociación de cara ao futuro.

Por parte de CCOO, Ricardo Santos Reiriz cualifica positivamente o proceso agora culminado e a integración do colectivo de limpeza na Fundación USC. “Destacamos o papel desempeñado pola Universidade de Santiago neste proceso polo seu compromiso de subrogar a todo o cadro de persoal, independentemente da antigüidade no posto”, afirma Santos Reiriz, quen tamén destacou o compromiso da USC para negociar melloras nas condicións laborais do colectivo e repercutir parte do aforro vinculado con esta negociación.

The contents of this page were updated on 07.07.2021.