Skip to main content

Rural e xénero

A pegada feminina no desenvolvemento rural, a debate en Xove

1/09/2021- 10.00 horas

Xove
Lugar das Marías

Investigadoras da USC no Campus de Lugo organizan no Lugar das Marías, na parroquia xovense de Rigueira, a xornada 'A construción social dun desenvolvemento rural integral: perspectivas, representacións, diálogos e xénero. Rural e xénero', que se prolongará ata ao venres

Imaxe dunha muller traballando no campo
Imaxe dunha muller traballando no campo

As xornadas contan co financiamento da Deputación de Lugo e a colaboración do Concello de Xove. O programa, que comeza este xoves, a partir das 10.00 horas, inclúe charlas, relatorios, debates e obradoiros performativos, nun esforzo por privilexiar a interacción social e a oralidade. O Lugar das Marías, un proxecto de turismo concibido pola súa impulsora, Lucía Canoura, desde a perspectiva de xénero e co propósito de contribuír á dinamización cultural tanto do municipio de Xove como da Mariña, será o lugar no que se celebre esta programación. A propia Lucía Canoura, politóloga e integrante do Observatorio pola Igualdade da Mariña, será a encargada de explicar o concepto e o desenvolvemento do Lugar das Marías na conferencia inaugural.

A psicóloga de Becerreá Laura Pardeiro, autora do blog Leiras e Marcos, ofrecerá unha charla sobre os modelos positivos cara ao repoboamento do medio rural por xente moza, mentres que a profesora do departamento de Ciencia Política e Socioloxía da USC Natalia Paleo (natural de Viveiro), tratará un dos aspectos da súa tese doutoral nun relatorio sobre as políticas de igualdade nos concellos rurais. Pola súa banda, Beatriz Rodríguez-Morales, doutora en Enxeñaría de Montes polo Campus de Lugo da USC ten preparada unha conferencia que leva por título Percepción e participación das mulleres na gobernanza dos comunais.

Xoana Almar, antropóloga, artista e integrante da cooperativa Cestola na Cachola, achegarase ao recente fenómeno artístico do muralismo en Galicia, máis concretamente á creación que se plasma en contornas non urbanas. Marta Veiga Izaguirre, do departamento de Ciencias da Comunicación da USC e profesora asociada na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC, abordará o desafío á heteronormatividade na nova música popular galega, mentres que a socióloga Lucía Sánchez Meitín repasará as memorias rurais recollidas ao seu coidado polo Concello de Xove.

Concluirán as xornadas o venres 3 de setembro cun obradoiro de música tradicional sobre a violencia contra as mulleres recollida nos cancioneiros da Montaña de Lugo, a cargo dos músicos Branca Villares e Pablo Pintor, que interpreterán algunhas das pezas escolmadas nunha investigación desenvolvida pola propia Branca Villares, profesora da Tradescola da Deputación de Lugo.

Novas ruralidades, novos imaxinarios

Un dos obxectivos das xornadas Rural e xénero correspóndese con poñer no centro do interese as novas ruralidades, definidas polas renovadas funcións do territorio e pola incorporación dos máis recentes imaxinarios nos seus habitantes. É por iso que esta proposta ten un enfoque interdisciplinar que se reflicte na diversidade das persoas relatoras e que está presente na súa mesma concepción, ao seren as súas organizadoras profesoras de diferentes áreas e departamentos dos Campus de Lugo da USC: Ana Cabana Iglesia, profesora de Historia Contemporánea; Elena Freire Paz, de Antropoloxía Social e Cultural, e Marta Veiga Izaguirre, de Ciencias da Comunicación.

 

The contents of this page were updated on 09.01.2021.