Skip to main content

'Xestión do tempo e do estrés na etapa de tese'

10.19.2021

Lugo

Escola de Doutoramento Internacional da USC

O seminario, organizado pola Edius e impartido pola profesora de Psicoloxía da UDC Susana Rodríguez, desenvolverase do 19 de outubro ao 2 de novembro no Campus de Lugo

Estudantes nunha biblioteca. Foto: Santi Alvite
Estudantes nunha biblioteca. Foto: Santi Alvite

A profesora de Psicoloxía da UDC Susana Rodríguez impartirá un taller de xestión do tempo e do estrés na etapa de tese para alumnado da Escola de Doutoramento Internacional da USC (Edius) no Campus de Lugo. Esta actividade formativa, promovida pola Edius a fin de que o alumnado de doutoramento acade competencias e destrezas, ademais de optimizar recursos e benestar emocional, desenvolverase de xeito presencial en quenda de mañá do 19 de outubro ata o 2 de novembro de 2021.

Estruturado en tres partes, este obradoiro de xestión do tempo e do estrés na etapa de tese, pretende servir de axuda para establecer propósitos e planificar tarefas, ademais de contribuír a que o alumnado de doutoramento optimice os recursos e distribúa de xeito óptimo o seu tempo. A autorregulación emocional e o afrontamento de fracasos é outro dos ámbitos no que afonda este obradoiro.

Susana Rodríguez

A profesora titular do Departamento de Psicoloxía da UDC Susana Rodríguez comezou o seu interese polos mecanismos de afrontamento do fracaso coa súa tese de doutoramento e dende entón desenvolve boa parte da súa investigación no ámbito da xestión motivacional e o benestar do individuo en contextos de logro.

Susana Rodríguez é membro do Grupo de Investigación en Psicoloxía Educativa (GIPED), que dirixe o catedrático begontino Antonio Valle Arias. Esta investigadora ten publicados varios libros e capítulos de libros sobre xestión de recursos, da motivación e das emocións en recoñecidas editoriais nacionais como Pirámide ou CCS.     
A traxectoria curricular desta docente inclúe asemade investigacións sobre benestar do alumnado de distintos  niveis educativos e estudantes inmigrantes. Susana Rodríguez tamén é autora de traballos publicados sobre o afrontamento do estrés da poboación durante o confinamento derivado da pandemia causada pola COVID-19.

The contents of this page were updated on 10.14.2021.