Nace Laboricia, o portal de emprego de Alumni USC

A Asociación de Antigos/as Alumnos/as e Amigos/as Alumni USC acaba de lanzar Laboricia, un portal de emprego que nace co obxecto de facilitar a procura de traballo en Galicia entre os e as universitarias co fin de atraer e reter talento en Galicia. “É unha ferramenta que vai dirixida a estudantes e persoas que se acaban de titular e que estean na procura de emprego ou de prácticas en Galicia”, explican dende Alumni USC. “Igualmente, o portal vai dirixido a persoas con alta cualificación, formación de posgrao, máster ou doutoramento, que poden achegar un elevado valor engadido ás empresas e entidades galegas que os precisen, aínda que estean traballando fóra de Galicia e desexen regresar”, engaden dende a asociación.
Laboricia tamén pode resultar de utilidade a entidades establecidas en Galicia, que procuren persoal con formación cualificada en calquera ámbito e desexen contribuír a conservar talento. Pequenas e grandes empresas, entidades de economía social, despachos profesionais, centros de investigación, axencias ou organismos públicos, entre outros, poden rexistrarse e mostrar as súas ofertas de emprego ou prácticas.
Nesta etapa inicial, Alumni USC contactou con 60 empresas e xa rexistrou preto dun centenar de demandas de emprego. Laboricia conta co respaldo da USC e o patrocinio do Consello Social, órgano que xestiona as prácticas extracurriculares dos estudantes e dende o que amosan a súa satisfacción pola posta en marcha dunha “ferramenta necesaria, que supón un paso decisivo no fomento do emprego entre os universitarios, así como unha acción conxunta que aproxima as dúas entidades á sociedade, establecendo pontes coa súa contorna”, engaden.