Skip to main content

Unha mostra achegará a economía social á contorna da USC

Préndete da economía social 2021
Cartel do evento
Baixo o lema ‘Préndete da economía social 2021’, a exposición celébrase o vindeiro 27 de outubro e pode seguirse en liña
Santiago de Compostela

A USC impulsa a mostra virtual ‘Préndete da economía social 2021’ coa que o mércores 27 de outubro, ás 11.30 horas e en formato en liña, xerarase un ecosistema real de economía social mediante experiencias de empresas pertencentes a este ámbito. Charlas sobre tendencias e oportunidades de negocio en sectores emerxentes e ferramentas facilitadoras para mellorar a competitividade dos negocios, así como un espazo de showrooms de startups responsables completan a programación da xornada. O prazo para inscribirse permanece aberto a través dun formulario en liña.

A mostra acollerá diversas actividades como a difusión dun panel de empresas de economía social cunha traxectoria de éxito no eido empresarial galego. Asemade, desenvolveranse relatorios sobre tendencias sectoriais, xestión e oportunidades de negocio emerxentes. Finalmente o espazo de showrooms virtuais permitirá coñecer novos proxectos emprendedores.

A Economía Social é o conxunto de actividades económicas ou empresariais levadas a cabo por entidades privadas, co fin de mellorar a calidade de vida do conxunto da sociedade. Xorden como unha alternativa de consumo fronte ás grandes empresas, e perseguen o interese xeral económico e social. Os valores que guían a estas empresas son a equidade, a solidariedade, a sustentabilidade ambiental, a cooperación, o traballo e o compromiso coa contorna. Ademais, antepoñen as persoas sobre os seus fins lucrativos.

Esta iniciativa enmárcase no programa de actuación 2021 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Dirección Xeral Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social e que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.

The contents of this page were updated on 10.20.2021.