Skip to main content

O ‘Diálogo sobre o Futuro do Avellentamento’, unha reflexión sobre como envellecer ben

Diálogo sobre o Futuro do Envellecemento
Os Diálogos sobre o Futuro son unha iniciativa do Goberno, a Comisión Europea, o Parlamento Europeo e outras 70 institucións públicas. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López será un dos relatores neste foro que se celebra en Santiago de Compostela e que poderá seguirse en liña os días 25 e 26 de outubro
Santiago de Compostela

Galicia foi elixida para albergar o ‘Diálogo sobre o Futuro do Envellecemento’ por ser unha das comunidades autónomas cunha maior proporción de persoas en idades avanzadas e de poboación centenaria. Este Diálogo no que toma parte a USC, busca enriquecer o debate público sobre o futuro do envellecemento demográfico e ofrecer á cidadanía a posibilidade de participar directamente na conversa sobre como se deberían afrontar os retos e oportunidades que del se derivan.

O evento celebrarase en Santiago de Compostela os días 25 e 26 de outubro e pode seguirse en liña a través de YouTube. Entre os relatores figuran o reitor Antonio López, a vicepresidenta segunda do Goberno e Ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz; a representante do Gabinete da Vicepresidenta da Comisión Europea Dubravka Šuica (Democracia e Demografía),  Astrid  Dentler; así como altos cargos dos goberno central e autonómicos, e numerosos expertos e académicos. Tamén intervirán o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, entre outros.

Ademais das mesas de debate, haberá dous talleres cidadáns deseñados para escoitar as ideas da poboación, tomar nota delas e incorporalas aos diferentes documentos e estratexias de futuro. No primeiro deles, conversarase sobre como a cidadanía se expón á vellez; mentres que o segundo reflexionará sobre que debe ofrecer un pobo ou cidade para envellecer ben.

Conversas plurais

Os Diálogos sobre o Futuro son unha iniciativa do Goberno, a Comisión Europea, o Parlamento Europeo e outras 70 institucións públicas, entre concellos, gobernos autonómicos, fundacións e universidades como a USC que quere contribuír a impulsar conversacións plurais, informadas e construtivas sobre as oportunidades e desafíos que traerá o mundo logo da COVID.

Os Diálogos teñen lugar entre setembro e decembro do presente ano nas 17 Comunidades Autónomas. Incluirán 100 mesas de debate, 37 talleres cidadáns e reunións de alto nivel nas que participarán máis de 500 relatores, entre os que estarán o presidente e as vicepresidentas do Goberno, presidentes e conselleiros autonómicos, ministros, secretarios de estado, altos cargos e expertos da Comisión Europea e do Parlamento europeo, alcaldes,  directores executivos, emprendedores, académicos, xornalistas e líderes do terceiro sector e a sociedade civil.

The contents of this page were updated on 10.20.2021.