Times Higher Education mantén a USC no intervalo 401-500 en Artes e Humanidades

A USC mantense no intervalo 401-500 en Artes e Humanidades segundo o ránking Times Higher Education por materias que acaba de publicarse este mércores. A clasificación elabórase en base a trece indicadores de rendemento estruturados en cinco áreas: docencia, investigación, citacións, proxección internacional e transferencia de coñecemento. Os resultados que acaban de ver a luz súmanse ás anteriores quendas deste ránking que dende setembro está a actualizar a posición da USC en diversos eidos temáticos como é o caso da Psicoloxía, onde a institución compostelá tamén ocupa o chanzo 401-500.
En Ciencias da Saúde, Ciencias da Vida e Ciencias Físicas, a USC ocupa o intervalo 501-600, tal e como xa sucedeu na listaxe correspondente ao ano pasado. A Universidade sitúase no posto 501+ en Educación e Dereito; e no chanzo 601+ en Ciencias Sociais, así como en Economía e Administración de Empresas. O intervalo 601-800 é o que abarca a USC en Ciencias da Computación e Enxeñaría.
Asemade, a clasificación xeral deste mesmo ránking situou a USC, a comezos de setembro, entre as mellores universidades do mundo logo da análise de máis de 1.600 institucións pertencentes a 99 países. O intervalo 801-1000 é o ocupado pola Universidade nesta listaxe da que forman parte un total de 53 institucións españolas.