Skip to main content

Presentación de resultados do proxecto Inverclima sobre infraestrutura verde en Galicia

18/11/21 - 10.00 horas

O LaboraTe da USC dará a coñecer o potencial dos ecosistemas galegos para albergar infraestrutura verde o 18 de novembro no marco dun sesión en liña na que intervirán como relatores Manuel Oñobre, do Miteco; o director do Ibader, Pablo Ramil, e a directora Xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, ademais dos investigadores Andrés Manuel García Lamparte e Rocío Losada Iglesias

Cartaz da xornada de presentación de resultados do proxecto Inverclima
Cartaz da xornada de presentación de resultados do proxecto Inverclima

O Laboratorio do Territorio (LaboraTE) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo presenta o xoves 18 de outubro os resultados do proxecto Inverclima, unha iniciativa de I+D promovida desde a USC co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da Fundación Biodiversidade para mellorar a planificación territorial da infraestrutura verde e adaptarse así ao cambio climático.

O coordinador do LaboraTE, o profesor da USC David Miranda, abrirá ás 10.00 horas a quenda de intervencións dun foro en liña que inclúe varios relatorios ademais da presentación das conclusións dos traballos desenvolvidos polos investigadores da USC Andrés Manuel García Lamparte e Rocío Losada Iglesias no marco deste proxecto.

O biólogo e consultor ambiental Manuel Oñobre Esparraguera, da Secretaría Xeral de Biodiversidade Terrestre e Mariña do Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco), abrirá a quenda de intervencións cunha exposición sobre a estratexia europea e nacional sobre infraestrutura verde. De seguido, o director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), Pablo Ramil Rego, tratará algúns aspectos sobre a estratexia galega de infraestrutura verde, mentres que a directora Xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, Inés Santé, salientará a importancia desta infraestrutura verde co desenvolvemento rural.

A presentación dos resultados do proxecto de investigación Inverclima desenvolverase en liña a través da plataforma telemática Zoom. As persoas interesadas en participar nesta sesión poden formalizar a súa inscrición de balde ata o 16 de novembro a través do formulario xa habilitado en liña ou na web inverclima.usc.es.

The contents of this page were updated on 11.10.2021.