Skip to main content

O IV Congreso Multidisciplinar de Nutrición aborda os retos da alimentación

24/11/2021 - 10.00 horas

O programa desta reunión científica está estruturado en seis relatorios que se prolongarán en quenda de mañá e tarde e nos que diversos especialistas abordarán cuestións ligadas a vexeterianismo, nutrición clínica, investigación, psicoloxía e comportamentos alimentarios ou alimentación e microbiota

Programa do congreso promovido por Adinu Galicia
Programa do congreso promovido por Adinu Galicia

A Asociación de Dietistas e Nutricionistas Universitarios (Adinu) de Galicia celebra o 24 de novembro a cuarta edición do Congreso Multidisciplinar de Nutrición na Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC, o escenario no que especialistas en diversas áreas abordarán cuestións ligadas á nutrición.

O programa deste congreso, cuxa inscrición é de carácter gratuíto e permanece aberta na plataforma telemática eventbrite, desenvolverase ao longo de toda a xornada do mércores, de 10.00 a 19.45 horas.

O congreso, dirixido especialmente a alumnado do grao en Nutrición Humana e Dietética, pero aberto tamén á participación do alumnado e profesorado de ciclos formativos de Formación Profesional, así como a toda a cidadanía interesada na temática, está estruturado en varias charlas.

O vexeterianismo, tal e como se coñece o réxime alimentario que ten como principio deixar de comer carne, a nutrición clínica e a investigación en nutrición centrarán a temática das tres intervencións programadas en quenda matinal.

As sesións deste congreso continuarán en quenda de tarde con dúas intervencións expositivas sobre alimentación e microbiota, e sobre psicoloxía e alimentación. Unha vez rematados estes relatorios, o público poderá coñecer e debater sobre algúns dos Traballos Fin de Grao (TFG) desenvolvidos por titulados en Nutrición Humana e Dietética na Facultade de Ciencias. O decano deste centro universitario lugués, Francisco Fraga, participará ás 19.45 horas, na sesión de clausura do congreso.

 

The contents of this page were updated on 11.12.2021.