O artista e carpinteiro de Becerreá Inazio Abrao e a profesora de Historia Golly Rectoret inauguran este xoves unha exposición de estruturas de madeira na Biblioteca Intercentros da USC

O artista e carpinteiro de Becerreá Inazio Abrao e a profesora de Historia Golly Rectoret inauguran este xoves, a partir das 18.00 horas, na Biblioteca Intercentros do Campus Terra da USC, a exposición de estruturas feitas con madeira de cedro ‘Intimidades da simetría’, unha mostra que permanecerá aberta ao público ata o 8 de abril de 2022 nas instalacións bibliotecarias e tamén no seu exterior, onde se instalará a escultura de maior tamaño.
‘Intimidades da simetría’ é o resultado dun proxecto nado hai xa un lustro a partir da peza dun pupitre elaborada polo propio Inazio Abrao. A partir deste elemento, e logo de observar, reflexionar, debuxar e, finalmente, construír, xurde esta exposición, na que, segundo o autor, “hai pezas que se enfrontan e mesmo se aloumiñan, xogan coas súas simestrías e entre elas, desdóbranse...”
As obras que integran ‘Intimidades da Simetría’ “tentan comunicarse con nós desde a razón, pero tamén desde a emoción”, sinala o autor, ao tempo que lembra que a peza máis grande de todas a que integran este proxecto e que permanecerá instalada no exterior da biblioteca é froito do co-financiamento de 250 persoas.