Skip to main content

Cultura e estímulo do talento, eixos do novo convenio entre USC e Deputación da Coruña

Ambas as dúas institucións renovan outro ano máis a súa colaboración para levar a cabo diversos programas e actividades cos que se busca “contribuír a descubrir talento novo". FOTO: Santi Alvite
Ambas as dúas institucións renovan outro ano máis a súa colaboración para levar a cabo diversos programas e actividades cos que se busca “contribuír a descubrir talento novo". FOTO: Santi Alvite
O acordo dotado con máis de 100.000 euros dá pulo ao programa de actividades de promoción cultural, artística e científica da Universidade
Santiago de Compostela

USC e Deputación da Coruña renovaron a súa aposta conxunta pola difusión e fomento da educación, a investigación e a transferencia do coñecemento. A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, e o presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, xunto co deputado de Cultura, Xurxo Couto, asinaron este martes na sede provincial un acordo dotado de 108.000 euros para dar pulo ao programa de actividades de promoción cultural, artística e científica da Universidade.

Ambas as dúas institucións renovan outro ano máis a súa colaboración para levar a cabo diversos programas e actividades cos que se busca “contribuír a descubrir talento novo, co obxectivo de impulsalo e ofrecerlle oportunidades para continuar desenvolvendo o ámbito científico no noso territorio, así como para difundir o coñecemento, chave para seguir progresando como sociedade”, sinalaron.

Estimular talento

Ao abeiro deste convenio, impúlsanse iniciativas que contribúen a detectar e capacitar talento novo, como o proxecto ESTALMAT-Galicia, que ten como obxectivo estimular as capacidades matemáticas en alumnos de 12 e 15 anos. Esta acción comezou a súa andaina en Galicia no ano 2007 e a súa máxima prioridade é promover vocación no campo das ciencias, co fin de asegurar que os talentos matemáticos e científicos detectados non se perdan, contribuíndo ao desenvolvemento científico da provincia. Dentro desta aposta, tamén se financia a iniciativa A Ponte entre a USC e o Ensino Medio, coa que se quere captar os mellores expedientes procedentes do bacharelato e de ciclos formativos. Así mesmo, levaranse a cabo programas de achegamento á USC e de formación de titores para orientar á mocidade no eido universitario. 

Programación cultural

No relativo á programación cultural, o ente provincial dá apoio a espectáculos como a XXI Mostra de Teatro Universitario de Galicia, os encontros orquestrais de nadal da orquestra da USC ou o ciclo de concertos de Schubert. Tamén se inclúen na axenda a exposición do catálogo ‘A lexión de Palas da USC’ e a posta en valor e musealización do patrimonio histórico-artístico da USC cun programa pedagóxico. Así mesmo, lévase a cabo dentro da programación actividades para incentivar á industria cultural galega tras a COVID-19.

Tamén teñen cabida ao abeiro deste convenio, os congresos e seminarios científicos encamiñados ao intercambio de coñecemento, o programa universitario ‘Camiño de coñecemento e experiencia’ (para maiores de 50 anos) ou a acción ‘Small Cinemas’. Este último configura un evento anual de carácter internacional que se celebra dende 2009 e no que se reúnen especialistas do ámbito académico para estudar as cinematografías de países e culturas con linguas minorizadas, nacións sen Estado ou entidades políticas con estatutos singulares.

Mar Lorenzo asinando o convenio. FOTO: Deputación da Coruña
Mar Lorenzo asinando o convenio. FOTO: Deputación da Coruña
The contents of this page were updated on 12.21.2021.