Skip to main content

A Cátedra de Cronicidade lanza unha nova edición do programa Higea baixo o lema ‘Conectámoste cos teus’

Higea
O voluntariado facilitará a conexión nunha contorna amigable, cálida e de proximidade cos enfermos. FOTO: Santi Alvite
Este proxecto cuxa inscrición permanece aberta ata o 25 de xaneiro, permite que os pacientes ingresados con COVID-19 contacten coas súas familias de maneira periódica a través da implicación do voluntariado universitario
Santiago de Compostela

‘Conectámoste cos teus’ é o lema baixo o que se desenvolve o programa Higea, impulsado dende a Cátedra de Cronicidade da USC. A segunda edición desta iniciativa, tal e como xa sucedeu nos comezos da pandemia, permitirá que o alumnado voluntario favoreza o contacto das persoas enfermas cos seus familiares de xeito periódico. “As persoas que se beneficiarán desta actividade son só aquelas máis vulnerables que por idade, dependencia ou situación clínica, non poden comunicarse coas súas familias a diario”, explican dende o Servizo de Participación e Integración Universitaria (Sepiu) da USC.

Deste xeito, o voluntariado facilitará a conexión nunha contorna amigable, cálida e de proximidade cos enfermos e as súas familias, utilizando un soporte que permita unha comunicación confidencial. A inscrición para tomar parte en Higea pode realizarse ata o vindeiro 25 de xaneiro. O desenvolvemento do proxecto lévase a cabo na unidade COVID do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). Esta actividade está dirixida a alumnas/os dos graos de Medicina, Enfermería, Farmacia, Bioloxía e Psicoloxía con resposta inmunolóxica activa, segundo criterio do Servizo de Medicina Preventiva.

Horario

A actividade de chamadas nas plantas COVID será de luns a domingo. Durante a semana, comezarase ás 17.15 horas e rematarase ás 19.15 horas, debendo estar no andar ás 16.45 para a colocación do EPI. O sábado e o domingo a actividade estenderase de 11.00 a 13.00 horas, debendo estar ás 10.30 no andar para a colocación do EPI.

Formación en liña

Para solicitar o recoñecemento académico con créditos optativos ECTS é necesario realizar un bloque de dez horas de formación en liña e quince horas de actividades de voluntariado. A partir deste primeiro crédito, recoñecerase 1 ECTS por cada 25 horas de colaboración. O bloque de formación consta dun módulo introdutorio sobre o marco conceptual do voluntariado e os seus deberes e dereitos, un módulo sobre comunicación e un módulo específico sobre a actividade no andar.

Iniciativa premiada

O proxecto Higea de humanización para pacientes con COVID-19 e os seus familiares foi recoñecido o ano pasado co primeiro premio Afectivo-Efectivo outorgado por Janssen Pharmaceutical Companies of Johnson & Johnson en colaboración con Cátedras en Rede. Higea foi galardoado no apartado de ‘Acción de formación, transformación, información ou sensibilización ao redor da saúde desenvolvida dende o ámbito universitario’.

The contents of this page were updated on 01.14.2022.