Skip to main content

Publicados os resultados das investigacións impulsadas pola Cátedra do Camiño e as Peregrinacións

A creación da Cátedra foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia. FOTO: Santi Alvite
A creación da Cátedra foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia. FOTO: Santi Alvite
Trátase dos estudos realizados por Xosé M. Sánchez Sánchez da Fundación Catedral de Santiago, e por M. Isabel Morán Cabanas e Israel Sanmartín da USC
Santiago de Compostela

A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, cuxa creación foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, acaba de publicar os resultados das tres investigacións realizadas en outono de 2021 ao abeiro da súa convocatoria destinada a proxectos que aborden diversos aspectos da ruta xacobea. Trátase dos estudos realizados por Xosé M. Sánchez Sánchez da Fundación Catedral de Santiago, e por M. Isabel Morán Cabanas e Israel Sanmartín da USC.  

Tempo e viaxe

Xosé M. Sánchez Sánchez da Fundación Catedral de Santiago é o responsable da investigación titulada ‘Tempo e viaxe. O Tempo e os tempos na peregrinación a Santiago de Compostela na Idade Media’. “O Tempo cronolóxico exerceu invariablemente a súa autoridade sobre todos os ámbitos na vida das sociedades co constante transcorrer de hora, día, mes e ano. No caso da peregrinación, dende o incerto dunha viaxe que implica xornadas, semanas, meses ou estacións, e que atravesa, campos, bosques e lugares, a rotundidade da súa influencia é definitiva. Se cadra non haxa máis que pensar no actualmente chamado Camiño de Inverno”, sinala Xosé M. Sánchez.

Este proxecto propón a análise e definición dos ritmos e formas da peregrinación xacobea medieval marcadas polo tempo cronolóxico e a súa influencia tanto no fluxo dos itinerarios como no transcurso das xornadas e a percepción dos individuos. Unhas particularidades que toman forma “nunha marabillosa amálgama de festividades, ciclos agrarios, paseos, tempos e espazos litúrxicos, algunhas das cales, creo, chegaron dende a Idade Media á Compostela contemporánea”, matiza. “A miña proposta parte do baleirado de fontes documentais e seriación de referencias en relación ao Tempo en canto á peregrinación medieval compostelá, e unha valoración e análise dos resultados”, conclúe o investigador.

Teatro portugués

Fundar as bases documentais e analíticas esenciais que permitan levar a cabo un estudo pioneiro do impacto sociopolítico e da proxección literaria da peregrinación a Santiago de Compostela no espectáculo (pre-)teatral portugués foi a finalidade da investigación levada a cabo por M. Isabel Morán Cabanas. “Partimos, nese sentido, dunha abordaxe pormenorizada e interdisciplinaria dunha composición recollida no Cancioneiro Geral, primeira compilación poética editada en Portugal, pouco tempo despois de que o invento de Gutemberg iniciase a súa produción libresca no país”, explica a autora do estudo titulado ‘Peregrinação a Compostela na origem do teatro português: a carruagem do Apóstolo Santiago e o rei D. Manuel em cena perante a Corte portuguesa’.

Organizada por Garcia de Resende (Évora, 1470-1536) e recollendo composicións cuxa elaboración corresponde á segunda metade do século XV e inicios do seguinte, acabouse de imprimir na cidade de Lisboa o 28 de setembro de 1516.

Novela histórica

O traballo de Israel Sanmartín centrouse nas representacións contemporáneas do Camiño de Santiago nas novelas históricas. Nese marco, “estudamos a representación medieval sobre o camiño que aparece nas novelas, os seus editores, os autores, o seu contexto de produción e o seu contexto de recepción”, sinala o profesor Sanmartín. A investigación analiza diferentes novelas históricas recentes, dende os anos cincuenta do século  XX. “As novelas son todas referidas á época da Transición española, que é cando temos unha explosión do xénero en relación ao Camiño de Santiago”, explica xa que “son todos autores de recoñecido prestixio na novela histórica e cunha gran difusión”.

As obras abordáronse a partir da tres grandes áreas: o estudo da novela histórica medieval; o estudo das representacións medievais no mundo contemporáneo; e os propios estudos sobre as relacións entre o Camiño de Santiago e a novela histórica. “Con todo isto investigamos o estudo da utilización histórica do Camiño de Santiago na novela histórica”, apunta o investigador. O traballo acometeu o estudo dos autores e as súas intencións; vinculouse o autor e o texto co momento histórico no que se realiza; e estudouse como se representa o medievo na actualidade e con que intencións.

The contents of this page were updated on 01.20.2022.