Organizada pola Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Servizos da USC en colaboración coa Deputación da Coruña.

A Igrexa da Universidade acollerá dende martes 1 de febreiro a exposición Soledad Penalta. Palabras Orfas, comisariada por Juan M. Monterroso. Nela, a escultora noiesa proponnos, a través dunha mostra antolóxica de 17 obras, nas que combina o aceiro inoxidable co aceiro cortén, unha intensa reflexión sobre a condición humana, sobre as tensións creadas entre o individuo e a sociedade.
A partir dunha linguaxe abstracta, conxugada con referencias figurativas e conceptuais, os seus característicos perfís antropomórficos xorden e desbordan cada unha dos seus traballos. Neles as palabras, tomadas de autores como Omar Khayyam ou Jorge Oteiza, crean delicados xogos caligráficos nos que se expresan desexos, inquietudes, esperanzas e temores.
A obra de Soledad Penalta está presente en numerosas coleccións de arte, galerías e museos, cunha significativa produción de obra pública na Coruña (1995), Muxía (1995), Pontevedra (1999), Porto do Son (2007) ou Santiago de Compostela (2011, 2022).
Este proxecto contou coa participación do alumnado do Máster Interuniversitario en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da arte, organizado polas universidades de Santiago de Compostela e Las Palmas de Gran Canaria.
A inauguración da exposición terá lugar o 1 de febreiro ás 20 horas. Dado que as prazas son limitadas, as persoas interesadas en asistir deberán enviar un correo electrónico ata o día 31 de xaneiro solicitando a reserva da súa a area.cultura [at] usc.gal (area[dot]cultura[at]usc[dot]gal). Recibirán confirmación da dispoñibilidade tamén a través do correo electrónico.
A exposición poderá ser visitada ata o 26 de marzo de luns a sábado en horario de 11 a 14 horas e de 17 a 20.30 horas.