O ránking URAP sitúa a USC na posición 500 de entre máis de 3.000 universidades de todo o mundo

O University Ranking by Academic Performance (URAP) incorpora un ano máis a USC na súa listaxe das institucións de ensino superior do mundo con mellor rendemento académico. Logo de procesar os datos de máis de 3.000 institucións, a USC ocupa o chanzo 500 a nivel mundial e o posto 14 de entre as 66 institucións españolas presentes na listaxe.
Segundo sinala o propio ránking, a súa clasificación baséase en datos obxectivos obtidos de fontes abertas, concretamente de Web of Science e InCites. Para a ordenación dos datos toma como referencia seis indicadores de rendemento académico para o período 2016-2020 como son o número de artigos publicados (21% da nota global), citacións (21%), numero total de documento publicados (10%), impacto total por artigo (18%), impacto total das citacións (15%) e colaboracións internacionais (15%). A Universidade compostelá acada os seus mellores rexistros no apartado de citacións e artigos científicos.
URAP preséntase como unha organización sen ánimo de lucro establecida dende 2009 no Informatics Institute of Middle East Technical University. O seu obxectivo principal é o de desenvolver un sistema de clasificación para as universidades mundiais baseado en indicadores de rendemento académico que reflictan a calidade e a cantidade das súas publicacións científicas.
CSIC
Xunto coa clasificación de URAP, o CSIC actualizou recentemente o seu ránking de investigadores/as que realizan o seu traballo tanto en institucións españolas como estranxeiras. Esta é unha listaxe elaborada en función do índice h obtido a partir do seu perfil público no ámbito de Google Académico. Nesta clasificación, a USC logrou situar a 103 investigadores/as no primeiro tramo da listaxe (integrado por 5.000 especialistas). A cifra de persoal investigador da institución académica compostelá ascendería a 192 no seguinte chanzo da clasificación (top 10.000).
Os datos da última actualización foron recompilados na última semana de decembro de 2021 e confórmana 101.121 perfís clasificados.