Skip to main content

Josefina F. Ling tomará parte un ano máis no foro virtual ‘Chatea cunha astrónoma’

Josefina Ling é membro do Observatorio Astronómico Ramón M.ª Aller da USC
Josefina Ling é membro do Observatorio Astronómico Ramón M.ª Aller da USC
A profesora da USC integra o equipo de 60 astrónomas españolas ou traballando en España que estarán dispoñibles para conversar en liña este xoves 17 de febreiro sobre a súa investigación, a súa experiencia como mulleres científicas e a carreira investigadora
Santiago de Compostela

A profesora Josefina  F. Ling, membro do Observatorio Astronómico Ramón M.ª Aller da USC, formará parte un ano máis do equipo de 60 astrónomas españolas ou traballando en España que estarán dispoñibles para conversar en liña este xoves 17 de febreiro sobre a súa investigación, a súa experiencia como mulleres científicas, a carreira investigadora ou temas de astronomía xeral. A quinta edición da iniciativa ‘Chatea cunha astrónoma’ desenvolverase de 10.00 a 22.00 horas e enmárcase dentro das actividades conmemorativas do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, celebrado o pasado 11 de febreiro. Esta actividade está organizada pola Comisión Muller e Astronomía da Sociedade Española de Astronomía e pola plataforma PureChat.

 O obxectivo principal de ‘Chatea cunha Astrónoma’ é achegar a ciencia actual ao público xeral de man das súas protagonistas femininas, dando así visibilidade á súa presenza e relevancia. “Esta é unha actividade de divulgación única pois está ao alcance de calquera que dispoña de conexión a internet, independentemente do remota que sexa a súa localización, e porque proporciona unha plataforma directa e privada de conversación entre as astrofísicas profesionais e o público xeral”, explicou a profesora Ling.

Na pasada edición, as astrónomas chateadoras atenderon máis de 1.100 chats durante os que mantiveron case 300 horas de conversación. “Durante doce horas ininterrompidas resolvemos dúbidas de adolescentes que van elixir estudos universitarios de Astronomía ou Astrofísica, así como de proxenitores aos que preocupan as dificultades que as súas fillas atoparán ao longo da carreira profesional”, engadiu a profesora da USC.

The contents of this page were updated on 02.16.2022.