Skip to main content

O primeiro Hackathon Social achegará solucións baseadas na innovación social a retos relacionados cos ODS

Esta é unha iniciativa dirixida a calquera estudante da USC, sen que sexa preciso ter coñecemento específicos nin formar parte dun grupo previamente
Esta é unha iniciativa dirixida a calquera estudante da USC, sen que sexa preciso ter coñecemento específicos nin formar parte dun grupo previamente
Esta é unha iniciativa dirixida a calquera estudante da USC que deberá formalizar a súa inscrición antes do 25 de febreiro
Santiago de Compostela

A USC desenvolverá os días 4 e 5 de marzo a primeira edición do ‘Hackathon Social’ co lema ‘A chave para a innovación social’. Coordinado polo Laboratorio de Innovación e Economía Social de Galicia (LIES_GA), a súa finalidade será achegar solucións a retos diferentes relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) nun período de tempo limitado, traballando en equipos multidisciplinares e cunha metodoloxía intensiva e presencial.

Esta é unha iniciativa dirixida a calquera estudante da USC, sen que sexa preciso ter coñecemento específicos nin formar parte dun grupo previamente. Os equipos conformaranse o primeiro día do encontro, establecéndose un premio para os dous mellores proxectos. Os retos serán seleccionados polo alumnado nas sesións de presentación que se realizarán en diferentes centros. As solucións estarán encadradas no ámbito do emprendemento social, a sustentabilidade na Universidade e o potencial da tecnoloxía para resolver retos sociais. De entre todas as solucións presentadas, escollerase unha gañadora para cada un dos dous retos finais.

Para asistir é preciso cubrir a inscrición antes das 23.59 horas do 25 de febreiro. O evento celebrarase o día 4 de marzo de 16.00 a 21.00 horas e o 5 de 9.00 a 13.00 horas no Edificio Emprendia en Campus Vida. A actividade está limitada a un máximo de 24 prazas.

Hackathon

O termo ‘Hackathon’ resulta da unión dos conceptos ‘maratón’ e ‘hacker’ e refírese a unha experiencia de innovación aberta que busca alcanzar unha meta común de forma colaborativa nun período breve de tempo. Concretamente, este Hackathon Social organizado por LIESGA busca involucrar os estudantes no desenvolvemento de solucións aos retos asociados aos ODS. As persoas participantes desenvolverán habilidades transversais como a innovación e o traballo en equipo ou habilidades dixitais, todas elas competencias chave para futuros postos de traballo.

The contents of this page were updated on 02.21.2022.