Promovido polo SEPIU

O Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) impulsa a actividade ‘Inclusión educativa e empregabilidade: formación de asistentes persoais entre o alumnado da USC’ que se desenvolverá do 4 ao 11 de marzo na Facultade de Dereito, en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas. “O crecente aumento do número de estudantes con necesidades específicas de apoio educativo e/ou discapacidade entre o alumnado de nova incorporación á nosa universidade leva á reflexión sobre novos ámbitos de formación e actuación que favorezan os procesos de inclusión educativa”, explican dende o SEPIU. A inscrición pode formalizarse nesta ligazón ata o 3 de marzo.
O curso atópase integrado por sete módulos: ‘Fundamentos de vida independente. Proxecto de vida’, ‘A figura do/a asistente persoal’, ‘A interacción social. Habilidades sociais e comunicación. A empatía’, ‘Introdución a produtos de apoio e ferramentas para a prevención’, ‘Relación profesional e confidencialidade’, ‘Aspectos legais, éticos e xurídicos da asistencia persoal’ e ‘Primeiros auxilios’. O profesorado encargado de impartir os módulos pertence a empresas de inserción social do grupo empresarial da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), entidade coa que a USC leva colaborando dende os inicios da posta en marcha do SEPIU.