Con Rubén Hidalgo, director do Departamento Ecosistema Innovación e Emprendemento en CAPSA

Bioincubatech, a Incubadora de Alta Tecnoloxía para o Fomento da Innovación e a Transferencia de Biotecnoloxía no ámbito da saúde e das tecnoloxías alimentarias, organiza o mércores 16 de marzo unha nova sesión dos Bioalmorzos Formativos de Transferencia e Relación coas Empresas, un ciclo de encontros con relatoras/es de referencia en ámbitos do sector bio, a saúde e as tecnoloxías alimentarias que achegarán o seu coñecemento e perspectiva, e nos que, previa inscrición, existe a posibilidade de manter unha reunión individual coa persoa convidada para trasladarlle calquera dúbida ou preocupación particular.
Baixo o título 'Modelo de innovación aberta para construír a alimentación do futuro' esta sesión en liña contará coa presenza de Rubén Hidalgo, director do Departamento Ecosistema Innovación e Emprendemento en CAPSA.
Investigador e xestor en diversos proxectos relacionados coa creación de plantas experimentais para a transición enerxética, así como xefe de proxectos baixo a metodoloxía Lean Manufacturing. Axudou a máis de cen empresas baixo a cultura Lean Start UP, xestionando unha das primeiras experiencias de capital risco no ámbito público no contexto nacional, a primeira experiencia de compra pública de innovación e unha das primeiras aproximacións ao Sandbox (local) política en España.
Durante a sesión explicará o modelo de innovación aberta que ten a entidade CAPSA co obxectivo de contribuír a alimentar o futuro.