Sala de Xuntas
Mar Lara Díaz-Meco, Mar Carrasco e Uxía Rico Gómez participan este mércores, ás 20.00 horas, na Facultade de Veterinaria de Lugo, nun coloquio no que repasarán as súas traxectorias e tratarán as dificultades que depara a profesión para as mulleres

O ciclo ‘Apaixonad@s pola Veterinaria’ celebra este mércores 23 de marzo, a partir das 20.00 horas, na sala de Xuntas da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC, unha sesión conmemorativa do Día Internacional da Muller no marco da que tres tituladas representativas de tres xeracións diferentes repasarán as súas respectivas traxectorias, ao tempo que tratarán algunhas das principais problemáticas que depara a profesión veterinaria para as mulleres.
As relatoras convidadas a participar nesta sesión, organizada en colaboración coa Comisión de Igualdade de Xénero da Facultade de Veterinaria e que poderá seguirse de balde tanto de xeito presencial como de forma telemática a través desta ligazón da plataforma Teams, son veterinarias pertencentes a tres xeracións distintas e a ámbitos de actividade tamén diferentes.
Mar Lara Díaz-Meco, licenciada en Veterinaria en 1987 na Universidade Complutense de Madrid, trasladará a este foro a súa experiencia en Nudesa, empresa líder en Galicia no sector primario dedicada á fabricación e comercialización de pensos, así como á produción gandeira de porcino e vacún de carne. Mar Carrasco, licenciada en Veterinaria pola USC en 2006, é na actualidade a directora internacional de Reneco Wildlife, entidade á que se incorporou hai xa máis dunha década e na que coordina traballos de patoloxía clínica, vixilancia epidemiolóxica, bioseguridade, investigación... no campo da cría e conservación de varias especies de aves en centros de Abu Dhabi, Kazajistan, Uzbequistan, Qatar, Kuwait e Marrocos. Uxía Rico Gómez, graduada o pasado curso na Facultade de Veterinaria de Lugo, á que se incorporou como investigadora nun proxecto de conservación dun mexillón de auga doce en perigo de extinción, como é Margaritfera auricularia, completa a quenda de relatoras desta sesión do ciclo ‘Apaixonad@s pola Veterinaria’.