O principio DACH baséase no recoñecemento fundamental da diversidade dos países de fala alemá, principalmente Alemaña, Austria e Suíza.

O Centro de Linguas Modernas da USC, o lectorado do Deutscher Akademischer Austauschdienst (DAAD) e Österreichischer Austauschdienst (OeAD), en cooperación co Foro Cultural de Austria en Madrid, a AT Filmakademie e o Goethe-Institut organizan 'DACH-Kino', un ciclo de cinema arredor dos filmes dos países de lingua alemá que pretende dar a coñecer a súa riqueza e a diversidade cultural e lingüística.
Coordinado por Laura Stupperich, Sebastian Windisch e José Manuel Pérez Pena, o ciclo programa do 29 de marzo ao 10 de maio unha serie de seis filmes que destacados das cinematografías alemá, austríaca e suíza.
A terceira das sesións terá lugar o xoves 21 de abril ás 19.30 horas coa proxección de Die göttliche Ordung (A orde divina, Suíza, 2017), dirixida por Petra Volpe. Contará coa presentación de José Manuel Pérez Pena.
Sinopse
En 1971, a ama de casa e nai Nora vive co seu marido Hans e os seus dous fillos nunha pequena e tranquila aldea da rexión de Appenzell. Alí, nesa Suíza idílica, están á marxe dos cambios sociais que acontecen no mundo dende o movemento de maio do 68. A opinión predominante neste lugar é que a emancipación da muller é unha maldición, un pecado da natureza que vai contra a orde divina. Cando comeza unha campaña pública e militante polo dereito ao voto das mulleres en Suíza e se convoca unha folga, a paz na aldea e no seo da familia de Nora comeza a abanear.