Este filme documental, dirixido por Alba Prol Cid, pon en valor a figura das mestras na historia da educación en Galicia

O vindeiro xoves día 21 de abril as 19.00 horas, o Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación, acollerá a estrea do documental A Mestra de Escola, un filme dirixido por Alba Prol Cid e producido por Raúl García de Meteórica Cine, baixo o patrocinio dos Fondos do Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia.
Este acto organizado desde o grupo de investigación Esculca, co apoio da Comisión Cultural da Facultade de Ciencias da Educación, ten por obxectivo poñer en valor a figura das mestras na historia da educación en Galicia. Para isto, cóntase co asesoramento técnico de dous pedagogos e profesores da USC, como son Antón Costa Rico e Alexandre Sotelino Losada, quen acompañaron ao equipo de produción no proceso creativo.
No documental interveñen profesoras de diferentes idades e niveis educativos que aportan a súa visión sobre as mudanzas do sistema, e mesmo dos desafíos aínda pendentes neste eido.
No acto, participarán a directora Alba Prol Cid e o produtor Raúl García, o profesor da USC e asesor técnico do documental Alexandre Sotelino Losada, o coordinador do grupo de investigación Esculca, Miguel A. Santos Rego, a decana da Facultade de Ciencias da Educación, Carmen Fernández Morante; o secretario xeral técnico de Política Lingüística, Manuel Vila López e o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo Costa.