O acto contará cunha ampla representación institucional dos ámbitos xudicial, fiscal, da avogacía, das administracións autonómica e local, das forzas e corpos de seguridade, e do estudantado e docentes da Escola de Práctica Xurídica

O venres, 29 de abril de 2022, ás 19.00 h, o Salón Nobre de Fonseca acollerá o acto institucional da Escola de Práctica Xurídica para despedir a IX Promoción do Mestrado Universitario en Avogacía (2020/2022) e recoñecer a colaboración das institucións e profesionais que participan nas actividades formativas da Escola.
O reitor da USC, Antonio López, presiderá este acto institucional no que tamén intervirán o decano do Colexio de Avogados, Francisco Rabuñal; o xuíz-decano dos Xulgados de Santiago, Andrés Lago Louro; o decano do Colexio de Procuradores, Fernando González-Concheiro, e o director da Escola, o profesor Lotario Vilaboy.
A cerimonia servirá tamén para facer un recoñecemento público ás institucionais e profesionais que colaboran coa Escola no desenvolvemento das materias de prácticas externas en despachos de avogados do Grao en Dereito, e nas catro materias de prácticas externas do Mestrado en Avogacía.
Este ano, a Escola fará un recoñecemento singular, coa entrega dun pergamino de agradecemento, aos 33 concellos da provincia da Coruña e a Deputación da Coruña, que colaboran coa Escola dende o ano 2005 na formación práctica de futuras/os profesionais da avogacía.
O grupo coral Vox Stellae, dirixido por Luis Martínez, será o encargado de interpretar varias pezas de música galega e medieval durante o desenvolvemento do acto.