Skip to main content

Zeca. Maior que o pensamento

05.10.2022 | 19.00h

A Facultade de Filoloxía acolle o martes 10 de maio un acto en homenaxe ao cantautor Zeca Afonso, quen interpretou na Compostela de 1972 e por primeira vez en público, o tema que acabaría por converterse no himno da revolución portuguesa

Cartel do evento
Cartel do evento

O 10 de maio de 1972 no pavillón do comedor do complexo do Burgo, un grupo de estudantes da USC organizou o concerto no que o cantautor portugués Zeca Afonso interpretou, por primeira vez en público, a canción ‘Grândola, Vila Morena’, emblema da revolución que puxo fin á ditadura portuguesa. Cincuenta anos despois, os acordes deste tema volverán soar na USC grazas ao acto conmemorativo que o vindeiro martes 10 de maio acollerá o Auditorio da Facultade de Filoloxía a partir das 19.00 horas.

O acto botará a andar cun coloquio no que intervirán Zélia Afonso, viúva de Zeca Afonso; a propia Maite Angulo Carballal; Francisco Fanhais, presidente da Associação José Afonso; e o ex presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, a persoa encargada de presentar o recital do 72. O xornalista Suso Iglesias será o encargado de conducir o coloquio.

A intervención de dúas estudantes actuais da USC, Claudia Pernas e Iria Nande, servirá de preámbulo ao concerto no que actuarán a propia Uxía Senlle, João Afonso —sobriño de Zeca Afonso—, Couple Coffee, Nacho·Faia·Lar e Xico de Carinho. O acto estará conducido polo actor Carlos Blanco. A entrada é libre ata completar a capacidade do espazo.

The contents of this page were updated on 05.09.2022.