Skip to main content

Catro novas titulacións conxuntas reforzan a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Despois de anos de cooperación, as institucións que integran UNISF dan un novo paso coa creación de títulos conxuntos
Despois de anos de cooperación, as institucións que integran UNISF dan un novo paso coa creación de títulos conxuntos
A alianza entre USC, UDC, UVigo, e as universidades portuguesas de Minho, Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro a través do proxecto UNISF permite a implantación de dous mestrados e dous programas de doutoramento conxuntos para o curso 2022-2023
Santiago de Compostela

A aposta da USC por alianzas estratéxicas que fomenten a innovación educativa consolídase coa implantación de catro novas titulacións que verán a luz o vindeiro curso. No marco do proxecto Universidade sem Fronteiras (UNISF), botarán a andar o mestrado universitario en Dereito Transnacional da Empresa e das Tecnoloxías Dixitais e o programa de doutoramento en Matemáticas e Aplicacións, coordinados os dous dende a institución compostelá. Créanse tamén o mestrado en Desafíos das Cidades e o programa de doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento. Ademais da USC, forman parte de UNISF, UDC, UVigo, e as universidades portuguesas de Minho, Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro.

“A educación universitaria do futuro ten como elementos cruciais a internacionalización e a multidisciplinariedade”, explican dende este proxecto internacional. Con este obxectivo e nun momento no que as institucións europeas están a fomentar a creación de alianzas universitarias, as universidades públicas da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal conciben un proxecto que ten como obxectivo eliminar as barreiras administrativas e burocráticas.

Despois de anos de cooperación, as institucións que integran UNISF dan un novo paso coa creación de títulos conxuntos para facilitar a posta en común dos seus recursos e puntos fortes, a dinamización da mobilidade de profesorado e estudantado, así como a creación dunha oferta educativa innovadora e de excelencia, foco de atracción e desenvolvemento a nivel estatal e europeo.

Dereito Transnacional da Empresa e das Tecnoloxías Dixitais

Dotado con 30 prazas, este mestrado está coordinado dende a USC. Os dereitos fundamentais ou os dereitos dos traballadores poden verse afectados, tanto pola actividade empresarial como polas administracións se non se utilizan as tecnoloxías dixitais dun xeito responsable e fiable, para o que se require un marco legal eficiente, en opinión dos organizadores. Por iso, xorde a necesidade de que os titulados/as en Dereito teñan as competencias suficientes para funcionar en contornas laborais dixitalizadas ou que demandan a resolución de problemas legais relacionados coas tecnoloxías dixitais. As relacións xurídicas que se derivan desta realidade afectan ao exercicio da avogacía nas súas diferentes vertentes debido á demanda de profesionais con sólidos coñecementos sobre a empresa que opera nestes países.

Desafíos das Cidades

Analizar os desafíos e respostas para os dominios que sustentan unha cidade sostible é a meta do Máster Universitario en Desafíos das Cidades. Esta titulación considera seis enfoques ou áreas científicas: dimensión física; social e educativa; ambiental; tecnolóxica; gobernanza; e económica. Esta titulación está dotada con 36 prazas.

Matemáticas e Aplicacións

Este programa de doutoramento pretende que o alumnado adquira competencias no desenvolvemento de técnicas, linguaxes e ferramentas teóricas e/ou computacionais adecuadas para a resolución de problemas; no afondamento en técnicas xerais e enfoque autónomo de problemas matemáticos; e na modelización e resolución innovadora de fenómenos científicos, no ámbito das aplicacións das Matemáticas. A colaboración transfronteiriza permite crear unha forte masa crítica de profesorado e persoal investigador de diferentes centros.

Ciencias Sociais e do Envellecemento

Este programa de doutoramento ofrece un espazo de formación avanzada no ámbito dos estudos sobre o envellecemento demográfico e a lonxevidade, un eido que está chamado a ser crucial nos vindeiros anos e no que é preciso formar profesionais dende un enfoque interdisciplinario a través da lente das Ciencias Sociais.

The contents of this page were updated on 05.13.2022.