Skip to main content

O III ‘Findecurta’ garante a proxección dos traballos audiovisuais premiados na 40º Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo

Cartaz do III 'Findecurta'
Cartaz do III 'Findecurta'
O certame organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural desenvolverase do 13 ao 17 de abril. Aberta a inscrición na área de Cultura do campus de Lugo ata o 11 de abril

A terceira edición do certame audiovisual 'Findecurta', unha iniciativa programada ao abeiro do convenio Lugo Cultural e que busca servir de impulso a novos creadores audiovisuais, desenvolverase entre o 13 o 17 de abril de 2018. Os promotores deste certame agasallarán con 500 euros a proposta gañadora, ao tempo que garantirán ás dúas candidaturas máis valoradas a proxección dos seus traballos audiovisuais na 40º Semana de Cine de Autor de Lugo, na que poderán competir polos premios á mellor curtametraxe galega da Semana de Cine de Autor de Lugo.

As bases da convocatoria do III ‘Findecurta’ están accesibles na páxina web www.lugocultural.es, onde tamén se pode atopar información polo miúdo do prazo e inscrición para tomar parte neste certame, que manterá aberto o prazo de inscrición desde o 21 de marzo ata o 11 de abril nas dependencias da oficina de cultura da USC no campus de Lugo. O público interesado tamén pode solicitar máis información a través do enderezo de correo electrónico cultural.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es) ou no teléfono 982 821 513.

Unha vez completada a inscrición nesta iniciativa a prol do audiovisual galego, os representantes de equipos ou participantes individuais están convocados o 13 de abril a unha sesión informativa, na que se explicarán os retos que deberá cumprir cada curta. O idioma das curtametraxes debe ser en galego.

O xurado encargado de fallar os premios deste certame audiovisual estará formado por profesionais de recoñecido prestixio, así como por representantes das entidades que colaboran no convenio Lugo Cultural, no que participan USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo. O fallo do xurado primará a creatividade e a calidade técnicas das curtas, así como o cumprimento de todos os criterios fixados na convocatoria.

The contents of this page were updated on 03.19.2018.