Skip to main content

O MHN celebra o Día Internacional dos Museos

A partir do 18 de maio

Santiago de Compostela

Baixo o lema 'O poder dos museos', o Museo da USC artella un programa especial de actividades que arrancan o vindeiro 18 de maio.

Expositor da mostra 'Recuncho de curiosidades'
Expositor da mostra 'Recuncho de curiosidades'

O Museo de Historia Natural da USC súmase á celebración do Día Internacional dos Museos, o mércores 18 de maio, cunha xornada de portas abertas na que todas as persoas interesadas poderán acceder de balde ás instalacións para se achegar ao seu labor e descubrir cando menos unha parte do coñecemento que atesoura arredor do medio natural. O horario de apertura será de 10.00 a 14.00 horas e 16.30 a 20.00 horas. Ademais, como conmemoración da festividade, o MHN pon en marcha diversas actividades divulgativas que se estenderán ao longo das próximas semanas. Velaquí algunhas delas:

Inauguración de “Bolboretas do mundo”

A sala da biodiversidade do Museo inaugura o mércores a exposición permanente 'Bolboretas do mundo'. Trátase dunha mostra con máis 250 bolboretas, de todos os continentes, entre as que figuran algunhas das especies máis coloridas e fermosas ou de maior interese faunístico. Ademais de gozar da beleza destes populares insectos, o público tamén poderá descubrir interesantes aspectos da súa bioloxía (ciclo biolóxico, mimetismo, camuflaxe, toxicidade, dimorfismo sexual…) e coñecer ou seu gran valor ecolóxico e a importancia da súa conservación.

Un dos módulos desta exposición está dedicado exclusivamente á fauna galega e ibérica e nel poden recoñecerse as bolboretas máis comúns dos nosos bosques, campos e xardíns. Ademais, o MHN dispón dun novo punto de fotografía nesta nova área que, de seguro, encantará ás persoas visitantes.

A mostra 'Bolboretas do mundo' supón a primeira fase dun proxecto máis amplo que leva por título 'Bolboretas e Escaravellos: un mundo de formas e cores'. Esta iniciativa de divulgación, con apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, irase completando con novas propostas ao longo do ano.

Renovación da mostra 'Recuncho de curiosidades'

Outro dos atractivos que o MHN ofrecerá nesta conmemoración é a renovación da exposición temporal 'Recuncho de curiosidades'. Coa súa nova selección, o museo quere dar a coñecer unha serie de animais como as serpes, as píntegas, os alacráns, ou as tarántulas... que, de forma inxustificada, teñen moi mala sona na cultura popular.  A mostra busca sensibilizar o público sobre a súa importancia ecolóxica e fomentar actitudes máis respectuosas cara a estes seres. Esta exposición conta cunha serie de réplicas artísticas, a tamaño natural, das principais especies de réptiles e anfibios de Galicia.

Visitas guiadas

Por último, o venres día 20 de maio terán lugar dúas visitas guiadas gratuítas ao MHN. Deseñados tanto para familias como para público en xeral, estes percorridos arrancarán ás 17.30 horas e ás 18.30 horas. Para participar neles é preciso cumprimentar un formulario de inscrición na páxina web do Museo. O prazo para facelo abre o xoves día 19.

'O poder dos museos' en Compostela

Dende hai máis dunha década, a celebración do Día Internacional dos Museos une sete entidades museísticas da cidade.  O Museo do Pobo Galego, o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Museo Casa de la Troya, a Fundación Eugenio Granell, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, o Museo Pedagóxico de Galicia e o Museo de Historia Natural da USC ofrecen programacións especiais ao longo desta semana e en xornadas posteriores, de xeito que residentes e visitantes en Compostela poderán gozar de numerosas actividades, moitas delas con carácter gratuíto.

Neste 2022 a conmemoración vira en torno ao lema  'O poder dos museos', proposto polo Consello Internacional de Museos (ICOM, nas súas siglas en inglés) para pór de relevo a importancia dos centros museísticos como espazos de reflexión, abertos tanto á análise do pasado como ás novas ideas, que serven de impulso á transformación do mundo que nos rodea.

Como parte da celebración, as institucións participantes realizarán unha acción conxunta que consistirá en despregar alfombras vermellas ante a entrada de cada unha delas. Unha intervención coa que pretenden simbolizar a forza e poder dos museos, así como destacar a súa presenza dentro do espazo público.

 

The contents of this page were updated on 05.19.2022.