Skip to main content

O reitor da USC, Juan Viaño, inaugura este xoves o Museo Universitario A Domus do Mitreo na Casa do Saber de Lugo

O acto institucional de apertura comezará ás 13.00 horas

O reitor da USC, Juan Viaño Rey, inaugurará este xoves, ás 13.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o Museo Universitario A Domus do Mitreo, no marco dun acto institucional no que tamén intervirán responsables das distintas administracións políticas, así como outros responsables institucionais, representantes de entidades sociais e culturais, ademais de profesores e investigadores das facultades e escolas universitarias do Campus Terra da USC.

A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos; a Xefa de Coordinación da Área de Cultura da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez Rodríguez, e o director de zona Santander Universidades, José María García de los Ríos González, tamén intervirán na sesión inaugural do Museo Universitario A Domus do Mitreo de Lugo, un acto que contará tamén coa participación de Jaime Alvar, historiador e catedrático de Historia Antiga da Universidade Carlos III de Madrid, que está considerado como un dos maiores expertos internacionais en mitraísmo. Xa en quenda de tarde, o propio Jaime Alvar compartirá, a partir das 18.00 horas, no auditorio da Casa do Saber, un encontro aberto co público interesado no que se abordará o tema do mitraísmo en Hispania.

Unha vez rematado o acto institucional, no que tamén estarán presentes os vicerreitores de Coordinación, Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico e Servizos Culturais do campus de Lugo, Javier Bueno, Andrés Barreiro e Carme Silva, respectivamente, así como o Xerente da USC, José Manuel Villanueva, a comitiva de autoridades realizará unha visita polas novas dependencias habilitadas como museo no primeiro andar da Casa do Saber, onde poderán observar as diferentes pezas achadas durante as escavacións do xacemento da Domus do Mitreo.

The contents of this page were updated on 03.21.2018.