O foro técnico promovido pola comisión de innovación do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) xunto coa APLTA da USC para facer visible a innovación na indusria alimentaria, contará como relatores como representantes de varios centros tecnolóxicos e empresas innvadoras no sector

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza este xoves 26 de maio xunto coa Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC unha xornada técnica sobre proteínas alternativas na industria alimentaria para dar a coñecer e facer visibles avances, tendencias e casos de éxito relacionados coa innovación no desenvolvemento e aplicación de proteínas –especialmente proteínas alternativas– na industria alimentaria.
O programa deste foro técnico, que se desenvolverá en quenda de mañá, a partir das 10.00 horas, na sede desta plataforma tecnolóxica do Campus Terra da USC, está organizado no marco do grupo de traballo 1 de ‘Alimentos e ingredientes innovadores, seguros e saudables adaptados ás tendencias de consumo’ promovido pola Comisión de Innovación de Clusaga.
A presentación dalgúns proxectos de investigación aplicada orientados á obtención e utilización de novos ingredientes e proteínas aptos para a industria alimentaria centrará a primeira quenda de relatorios desta xornada, na que intervirán técnicos e investigadores dos centros tecnolóxicos Anfaco-Cecopesca, Instituto Tecnolóxico da Alimentación (Ainia) e da propia Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC.
A investigadora e responsable de Proxectos en Biotecnoloxía e Saúde en Anfaco-Cecopesca María José Chapela abrirá a quenda de intervencións cunha exposición sobre as oportunidades que deparan as microalgas no Espazo Atlántico como fonte de proteínas e outros compostos de valor. A técnico de proxectos da APLTA, Laura Abuín, e a directora de I+D de Granja Campomayor, Eugenia Juncal, afondarán nesta palestra sobre a pescuda de novos ingredientes alimentarios a partir da hidrólise de clara de ovo, a través do proxecto Foodshyegg. A directora de Tecnoloxías e Ainia, Begoña Ruiz, pechará a sesión co relatorio titulado ‘Proteínas alternativas: single-cell protein, carne in vitro e extrusión proteica’.
A exposición de casos de éxito empresarial derivados do desenvolvemento de alimentos innovadores con alto contido proteico, como pode ser o caso das firmas ODS Protein, Neoalgae, Galinsect ou MOA FoodTech, centrarán a segunda das sesións da xornada. O Co-founder de ODS Protein, Martín Rodríguez, falará neste senso sobre as proteínas fermentadas como fonte sustentable para o futuro. A responsable da Área de Proxectos e Tecnoloxía de Neoalgae, María Álvarez, afondará na súa intervención sobre a aplicación das microalgas na alimentación. Asemade, o CEO de Galinsect, Rubén Recamán presentará os insectos como fonte alternativa de proteína, mentres que o CEO de MOA FoodTech, Bosco Esperanza, dará conta das capacidades desta startup navarra para converter subprodutos da industria alimentaria e novas fontes de proteína.
O programa deste foro técnico ofrece ao público participante a posibilidade de visitar as instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC, a fin de coñecer así as súas potencialidades no ámbito da I+D+i e as liñas de traballo que desenvolve, así como as dependencias doutros grupos de investigación do Campus Terra da USC, tal e como o son o Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (Lhica) ou o equipo de Análise sensorial, valoración nutricional e desenvolvemento de novos alimentos (Asavdna).
As persoas interesadas en tomar parte como público nesta xornada técnica sobre proteínas alternativas na industria alimentaria impulsadas polo Clusaga en colaboración coa USC poden formalizar a súa inscrición de balde en liña ata as 15.00 horas do mércores 25 de maio.