A sesión, organizada polo Concello de Xermade xunto coa USC, desenvolverase o sábado 4 de xuño, a partir das 10.30 horas, na Escola de Cabreiros

Os modelos de vivenda alternativos e de colaboración centrarán o sábado 4 de xullo os debates da segunda sesión das XVIII Xornadas Interxeracionais Rurais, organizadas polo Concello de Xermade en colaboración coa USC. Os integrantes da ONG Ecos do Sur, unha organización que traballo a prol da abordaxe da exclusión social e do repoboamento rural, Saray Ramos e Brais Pérez, abrirán a quenda de intervencións, a partir das 10.30 horas, coa charla ‘Habita rural’.
O confundador da cooperativa Trabensol, concibida como un centro social de convivencia, asistencia e servicios para maiores, Jaime Moreno; a arquitecta María Pierres, da consultoría Cohousing Galicia, que presta asoramento para desenvolver proxectos colectivos de vida, e os responsables da rede de centros de día Saraiva Ricardo Fra e Lucía Saborido, completan a quenda de relatores desta sesión monográfica sobre vivendas colaborativas.
O programa de tarde comezará ás 16.30 horas, cun relatorio sobre experiencias de emprendemento no rural a cargo de José María Vivero, quen falará sobre un proxecto de cría de cabalos de raza coas mellores xenéticas de Estados Unidos. Un obradoiro de cestaría tradicional impartido por Lola Tourón Ríos servirá de peche deste xornada.
Saúde emocional
AS XVIII Xornadas Interxeracionais Rurais chegarán ao seu colofón o 11 de xuño en Cabreiros cun programa centrado na saúde emocional, pandemias, guerras e psicoloxía de resistencia. O catedrático de Psicoloxía Clínica da USC Fernando L. Vázquez González abrirá a sesión cunha exposición sobre ferramentas emocionais para saír das crises. De seguido, Araceli López Formigo guiará o obradoiro de risoterapia ‘Rir para vivir’. A actuación do grupo Mamá Cabra, que presentará, a partir das 17.00 horas, o espectáculo ‘Paraíso natural’, servirá de colofón das xornadas.