Organizada a través da Rede Eusumo, a terceira edición da mostra artéllase en tres bloques: saber, crear e emprender

O xoves 09 de xuño ás 11.30 horas, a Universidade de Santiago de Compostela celebrará a mostra virtual 'Préndete da economía social 2022'. Esta mostra emerxe como unha actividade dun só día orientada a achegar a economía social á contorna da Universidade de Santiago de Compostela e a aquelas persoas interesadas en formarse e emprender.
A finalidade é xerar un ecosistema real de economía social mediante experiencias de empresas de economía social, conversas sobre tendencias e oportunidades de negocio en sectores emerxentes e ferramentas facilitadoras para mellorar a competitividade do negocio e un espazo de showrooms de startups responsables.
A mostra celebrarase en formato online e acollerá diversas actividades ao longo da xornada como a difusión e divulgación dun panel de empresas de economía social cunha traxectoria de éxito no eido empresarial galego, coma Factoría Atelier S. Coop galega, Horsal S. Coop galega, A Milpa do Salnés S. Coop galega, Aqueladas S. Coop Galega Xuvenil
Así mesmo, celebraranse charlas dunha hora de duración sobre tendencias sectoriais e de xestión e oportunidades de negocio emerxentes, en concreto ás 11. 30 horas terá lugar unha charla sobre 'Xestión de datos: Usa o power BI para a toma de decisións na túa entidade', ás 12.30 horas impartirase a charla 'Enfócate no dixital! Aprende a traballa a venda online da túa entidade' e xa en horario de tarde, ás 16.00 horas a charla tratará de 'Oportunidades: Casas niño, cociña a domicilio, cohousing, empoderamento dos maiores e asistencia a domicilio' e por último ás 18.00 horas terá lugar a charla sobre a 'Economía circular e ecodeseño - innovación das entidades de economía social'.
En referencia ao espazo de showrooms virtuais que terá lugar ás 17.30 horas e que terá coma finalidade o coñecemento de novos proxectos emprendedores contarase coa participación de Agalterra S.Coop Galega e Asociación Callejeros do Barbanza, Kracia S.Coop Galega e Luffaderm, esponxas vexetais.
Pódese atopar toda a información detallada na web do proxecto na súa web e para poder asistir, ben sexa a unha ou varias actividades da mostra é preciso inscribirse a través desta ligazón ou escribindo a proxectoeusumo.usc [at] gmail.com (proxectoeusumo[dot]usc[at]gmail[dot]com) antes do 8 de xuño.