Skip to main content

Acto institucional

Robert Langer recibe a Insignia de Ouro da USC

06.17.2022 | 16.30h

Salón Nobre

O reitor Antonio López imporá a Robert Langer, investigador do Instituto Koch para a Investigación Integrativa do Cancro no MIT, esta condecoración que distingue aquelas persoas físicas que sobresaen dun xeito especial nos servizos prestados á institución académica compostelá

Robert Langer recibirá a Insignia de Ouro da USC
Robert Langer recibirá a Insignia de Ouro da USC

O profesor Robert Langer recibirá o 17 de xuño ás 16.30 horas a Insignia de Ouro da USC. A cerimonia terá lugar no Salón Nobre do Pazo de Fonseca. A continuación deste acto, Langer pronunciará a conferencia 'As loitas e os soños dun enxeñeiro químico: desde as micro e nanopartículas ata os tratamentos contra o cancro e vacinas de ARNm'

Robert Langer

O profesor Langer é enxeñeiro químico, científico, empresario, inventor e un dos doce profesores do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts. Pertence ao cadro de investigadores adscritos ao Instituto Koch para a Investigación Integrativa do Cancro  e foi recoñecido como o científico máis destacado do mundo no campo dos Biomateriais e da Biomedicina.

A súa extraordinaria contribución ao campo da liberación de fármacos vai desde o descubrimento de novos biomateriais ata a liberación de fármacos complexos como proteínas e moléculas de ARN. Co-fundador de Moderna e de máis de 40 empresas biotecnolóxicas, é considerado unha fonte referencial na liberación intelixente de fármacos e un dos pioneiros na enxeñaría de tecidos. 

Robert S. Langer completou os seus estudos de grao en Enxeñaría Química na Universidade de Cornell e obtivo o seu Doutoramento en Enxeñaría Química no MIT. Ingresou no MIT como profesor asistente de Bioquímica Nutricional en 1978. O doutor Langer escribiu máis de 1.250 artigos e tamén ten case 1.050 patentes en todo o mundo. Estas patentes oron licenciadas ou sublicenciadas a máis de 250 empresas farmacéuticas, químicas, biotecnolóxicas e de dispositivos médicos.

Ademais, o invesetigador recibiu máis de 220 premios de gran relevancia. É un dos 5 individuos vivos que recibiu tanto a Medalla Nacional da Ciencia dos Estados Unidos (2006) como a Medalla Nacional de Tecnoloxía e Innovación dos Estados Unidos (2011). Tamén recibiu o premio Charles Stark Draper de 2002, considerado o equivalente ao Premio Nobel de Enxeñaría; alén do Premio do Milenio de 2008, o premio tecnolóxico máis grande do mundo;  a Medalla Priestley de 2012, o máximo galardón da Sociedade Americana de Química;  o Premio Wolf de 2013 en Química, o Premio Avance 2014 en Ciencias da Vida e o Premio Kioto 2014. 

É tamén o único enxeñeiro que recibiu o Premio Internacional da Fundación Gairdner; 82 gañadores deste premio recibiron posteriormente un Premio Nobel. Entre outros numerosos premios que recibiu Langer están o Premio Dickson para a Ciencia (2002), o Premio Heinz de Tecnoloxía, Economía e Emprego (2003), o Premio Harvey (2003), o Premio John Fritz (2003) (entregado anteriormente a inventores como Thomas Edison e Orville Wright), o General Motors Kettering Prize for Cancer Research (2004), o Dan David Prize in Materials Science (2005), o Albany Medical Center Prize in Medicine and Biomedical Research (2005), o maior premio dos EUA de investigación médica, a incorporación ao National Inventors Hall of Fame (2006), o Premio Max Planck de Investigación (2008), o Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica (2008), o Premio Fundación Warren Alpert (2011) e o Premio Internacional Terumo (2012). En 1998, recibiu o premio Lemelson-MIT, o premio de invención máis grande do mundo por ser "un dos inventores máis prolíficos da historia da medicina".

 

Seguir en liña
The contents of this page were updated on 06.15.2022.