Skip to main content

O certame literario Nortear abre a recepción de orixinais ata o 30 de xuño

O premio literario versa sobre o xénero de relato curto. FOTO: Santi Alvite
O premio literario versa sobre o xénero de relato curto. FOTO: Santi Alvite
A USC contribúe á difusión de iniciativas que promovan sinerxías no seo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
Lugo, Santiago de Compostela

No marco das sinerxías que se están a promover no seo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, mesmo co deseño de titulacións universitarias transfronteirizas, a USC contribúe á difusión do certame literario Nortear, dirixido a escritores e escritoras de ata 36 anos, cuxo prazo de presentación de candidaturas permanece aberto ata o vindeiro 30 de xuño. Trátase dunha iniciativa conxunta da Direção Regional de Cultura do Norte (Portugal), da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia (España) e da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia - Norte de Portugal.

O premio literario versa sobre o xénero de relato curto e conta cunha dotación económica de 3.000 euros. As entidades comprométense ademais a asumir o custo da publicación e/ou da edición ata 500 exemplares da obra premiada, en edición bilingüe, portugués e galego.

UNISF

A aposta da USC por alianzas estratéxicas que fomenten a innovación educativa consolídase coa implantación de catro novas titulacións que verán a luz o vindeiro curso. No marco do proxecto Universidade sem Fronteiras (UNISF), botarán a andar o mestrado universitario en Dereito Transnacional da Empresa e das Tecnoloxías Dixitais e o programa de doutoramento en Matemáticas e Aplicacións, coordinados os dous dende a institución compostelá. Créanse tamén o mestrado en Desafíos das Cidades e o programa de doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento. Ademais da USC, forman parte de UNISF, UDC, UVigo, e as universidades portuguesas de Minho, Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro.

Despois de anos de cooperación, as institucións que integran UNISF dan un novo paso coa creación de títulos conxuntos para facilitar a posta en común dos seus recursos e puntos fortes, a dinamización da mobilidade de profesorado e estudantado, así como a creación dunha oferta educativa innovadora e de excelencia, foco de atracción e desenvolvemento a nivel estatal e europeo.

The contents of this page were updated on 06.13.2022.