Presentado o Informe 2021 sobre o uso de animais en experimentación na USC

Durante o ano 2021, realizáronse na USC procedementos correspondentes a medio cento de proxectos de experimentación animal autorizados. Son datos extraídos do ‘Informe sobre o uso de animais en experimentación na Universidade de Santiago de Compostela en 2021’ que presentou este xoves 16 o director do Centro de Biomedicina Experimental (CEBEGA), Anxo Vidal Figueroa, coincidindo co día dedicado á campaña internacional pola comunicación proactiva da investigación con animais BOARD ‘Be Open about Animal Research Day’, coordinada pola European Animal Research Association. Ademais do CEBEGA, o informe abrangue a actividade desenvolvida polo Acuario da Facultade de Bioloxía en Compostela; así como polo Animalario de investigación e o Acuario da RIAIDT de Lugo. A experimentación con animais que se desenvolve na USC atópase estritamente regulada polo marco normativo da lexislación española actual.
“Unha parte do traballo científico realizado na USC fai uso de animais, por exemplo, en estudos de oncoloxía, cardioloxía, neuroloxía, descubrimento de fármacos, enfermidades metabólicas e enfermidades raras, así como en estudos de sanidade animal”, explicou Anxo Vidal Figueroa. Nun compromiso cunha investigación responsable e de calidade, ao servizo da sociedade, a USC tense adherido, dende o mesmo momento do seu lanzamento en setembro de 2016, ao ‘Acordo de Transparencia en Experimentación Animal’, promovido pola Confederación de Sociedades Científicas de España (COSCE), coa colaboración da Asociación Europea para a Investigación Animal (EARA).
Dignidade e benestar
Durante o ano 2021, fixéronse un total de 18.656 usos de animais de experimentación en proxectos autorizados. Con todo, a comparación dos datos do ano pasado cos do último previo á pandemia (2019), evidencia unha diminución do 21%, acorde á tendencia de descenso en números de animais observados na contorna estatal durante os últimos tempos. De feito, tal e como subliñou Anxo Vidal, o horizonte que perseguen os asinantes do acordo de transparencia é substituír a experimentación animal por outros procedementos, sempre que sexa posible, e mesmo chegar á súa eliminación total. Vidal salientou a importancia do respecto pola dignidade e o benestar de cada animal. O rato (Mus musculus) é a especie mais empregada en experimentación na USC (case o 70%), seguido do grupo ‘outros peixes’ (15,7%), a rata (11,5%) e peixe cebra (2,6%). O uso de coellos é mais ocasional e minoritario (0,4%).
En investigación básica, o estudo do sistema endócrino e o metabolismo é claramente o uso maioritario, superando o 60% dos animais empregados para esta finalidade. Doutra banda, entre os obxectos da investigación traslacional e aplicada, as enfermidades dos animais é a finalidade maioritaria, seguida das enfermidades nerviosas e mentais humanas.
Ao analizar as finalidades agrupadas por especies, obsérvase que os mamíferos (rato, rata e coello) teñen o seu uso principal na investigación básica, mentres que os peixes (peixe cebra e outros peixes) úsanse exclusivamente na investigación aplicada. Ratos, ratas e peixes cebra úsanse principalmente para a investigación de enfermidades humanas, mentres que os outros peixes úsanse case exclusivamente para a investigación de enfermidades animais.
Malia que a normativa vixente non obriga ás institucións que fan uso de animais en experimentación a facer públicas as estatísticas de uso, a USC desenvolve un exercicio de transparencia coa presentación anual do informe de usos de animais empregados en experimentación dentro da institución. Os datos foron recompilados por Beatriz Magariños Ferro, José María Méndez Figueiras, Azucena Mora Gutiérrez, Sonia Vázquez Rodríguez e Anxo Vidal Figueroa.
