Skip to main content

A USC distingue a Robert S. Langer coa imposición da Insignia de ouro

De esquerda a dereita, María José Alonso, Antonio López e Robert Langer. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, María José Alonso, Antonio López e Robert Langer. FOTO: Santi Alvite
O máximo recoñecemento que outorga a institución académica subliña as achegas deste profesor do MIT, considerado unha fonte referencial na liberación intelixente de fármacos e pioneiro na enxeñaría de tecidos
Santiago de Compostela

A través da súa Insignia de Ouro, a USC recoñece a aquelas persoas que sobresaen dun xeito especial nos servizos prestados á institución, ben sexa pola súa continuidade e duración, ou pola súa especial relevancia e significación. O profesor do Massachusetts Institute of Technology (MIT), Robert S. Langer, é dende este venres 17 de xuño, un dos nomes que integran a listaxe de persoas distinguidas coa máxima condecoración que outorga a USC.

O reitor Antonio López impúxolle a Insignia nun acto institucional que se desenvolveu no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e no que a catedrática da Área de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, María José Alonso, presentou a traxectoria do profesor Langer, considerado fonte referencial na liberación intelixente de fármacos e pioneiro na enxeñaría de tecidos. Despois de que a secretaria xeral Dulce García Mella procedera a dar lectura á resolución reitoral da concesión, o reitor impuxo a insignia, dando paso ao relatorio no que Robert S. Langer abordou 'As loitas e os soños dun enxeñeiro químico: dende micro e nanopartículas ata tratamentos contra o cancro e vacinas de ARNm'. O acto contou tamén coa intervención de Francisco Conde López, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia.

Co-fundador de Moderna e de máis de 40 empresas biotecnolóxicas, a contribución de Langer é fundamental no campo da liberación de fármacos, dende o descubrimento de novos biomateriais ata a liberación de fármacos complexos como proteínas e moléculas de ARN. O doutor Langer escribiu máis de 1.250 artigos e as súas patentes, máis dun milleiro, foron licenciadas ou sublicenciadas a máis de 250 empresas farmacéuticas, químicas, biotecnolóxicas e de dispositivos médicos. Langer desenvolve a súa actividade no Instituto Koch para a Investigación Integrativa do Cancro do MIT.

Múltiples galardóns

Con máis de 200 premios recollidos ao longo da súa traxectoria, Langer foi recoñecido en 2008 co Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica. Entre os múltiples galardóns recibidos, destacan a Medalla Nacional da Ciencia dos Estados Unidos (2006) e a Medalla Nacional de Tecnoloxía e Innovación dos Estados Unidos (2011). Tamén foi galardoado co premio Charles Stark Draper en 2002, considerado o equivalente ao Premio Nobel de Enxeñaría; a Medalla Priestley de 2012, o máximo galardón da Sociedade Americana de Química; o Premio Wolf de 2013 en Química; e o Premio Kioto 2014, entre outros. 

É tamén o único enxeñeiro que recibiu o Premio Internacional da Fundación Gairdner; 82 gañadores deste premio recibiron posteriormente un Premio Nobel. O Premio Dickson para a Ciencia (2002), o Premio Heinz de Tecnoloxía, Economía e Emprego (2003), o Premio Harvey (2003), o Premio John Fritz (2003), o General Motors Kettering Prize for Cancer Research (2004), o Dan David Prize in Materials Science (2005), o Albany Medical Center Prize in Medicine and Biomedical Research (2005), o maior premio dos Estados Unidos de investigación médica; a incorporación ao National Inventors Hall of Fame (2006), o Premio Max Planck de Investigación (2008), o Premio Fundación Warren Alpert (2011) ou o Premio Internacional Terumo (2012) integran a súa listaxe de recoñecementos. En 1998, recibiu o premio Lemelson-MIT, o premio de invención máis grande do mundo por ser "un dos inventores máis prolíficos da historia en medicina".

The contents of this page were updated on 06.20.2022.