Skip to main content

DATAlife recibe o selo de excelencia da Comisión Europea para Hubs de Innovación Dixital

Destaca a alta puntuación outorgada a DATAlife no impacto esperado das accións no plan de traballo, todas elas aliñadas coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, así como as principais políticas europeas de dixitalización
Destaca a alta puntuación outorgada a DATAlife no impacto esperado das accións no plan de traballo, todas elas aliñadas coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, así como as principais políticas europeas de dixitalización
A USC é unha das institucións promotoras deste polo que aspira a impulsar o valor de Galicia como biorrexión europea de referencia
Santiago de Compostela

O Hub DATAlife, no que participa a USC como unha das institucións promotoras, acaba de conseguir o selo de excelencia no marco da convocatoria para a selección dos Hubs Europeos de Innovación Dixital que outorga a Comisión Europea. Das 26 candidaturas procedentes de España, 23 conseguiron o selo de excelencia, pero tan só a metade delas, entre os que se atopa DATAlife, recibirán apoio financeiro por parte da Comisión. Deste xeito, o  Hub pasa a situarse como  Hub de referencia a nivel europeo cun proxecto de case seis millóns de euros que se desenvolverá en tres anos, sendo cofinanciado ao 50% pola Comisión. Os fondos van permitir o despregamento da súa carteira de servizos para acelerar a transformación dixital das empresas da cadea de valor de Agro-Mar Alimentación, Forestal-Madeira, Saúde-Coidados e Biotecnoloxía en Galicia.

Destaca a alta puntuación outorgada a DATAlife no impacto esperado das accións no plan de traballo, todas elas aliñadas coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, así como as principais políticas europeas de dixitalización. O proxecto estará coordinado polo Hub e no consorcio están gran parte dos seus asociados. Con eles,  DATAlife poderá dinamizar o ecosistema de innovación galego, facilitar o acceso a financiamento, promover a formación en dixitalización e dar pulo para que as empresas proben tecnoloxías disruptivas sen custo.

O Hub é unha rede conectada de coñecemento, infraestruturas ou tecnoloxía, entre outros, para situar no seu núcleo a Intelixencia Artificial (IA) e a analítica de datos, e que ten como ámbitos de aplicación a bioeconomía, a sustentabilidade e a saúde. Xunto á USC, máis de sesenta entidades, entre empresas, asociacións e outros centros de coñecemento, integran esta asociación que aspira a impulsar o valor de Galicia como biorrexión europea de referencia. Ás tecnoloxías nucleares do Hub engádeselles a Internet das cousas, a computación de altas prestacións e a ciberseguridade, as cales complementan as anteriores no desenvolvemento de aplicacións tecnolóxicas.  

Un dos piares sobre os que se asenta este polo é o de ser líder sectorial apoiándose sobre sectores estratéxicos para a economía e a sociedade en Galicia, nos que xa se dispón dunha vantaxe competitiva relevante tanto en materia produtiva, como de provisión de servizos asistenciais e de capacidades científico-técnicas, facendo de Galicia unha das  biorrexións europeas.

The contents of this page were updated on 06.21.2022.