Aínda é posible inscribirse no Verán CampUSC, unha aposta pola conciliación e o desenvolvemento psíquico-físico da rapazada

A primeira quenda do Verán CampUSC 2022 acaba de botar a andar ata o vindeiro xoves 30 de xuño coa participación de 111 nenos e nenas. Ademais, aínda quedan prazas libres en todas as quendas para a rapazada nacida entre 2005 e 2008; e na cuarta e na quinta, para os nacidos/as entre 2018 e 2009. O Verán CampUSC 2022 pretende conciliar a vida laboral e familiar tanto da comunidade universitaria da USC coma do público xeral. A Fundación Universidade de Santiago de Compostela impulsa esta iniciativa dirixida a rapaces e rapazas que poderán coñecer unha importante base de actividades deportivas tradicionais e alternativas, ademais de realizar diferentes obradoiros, actividades e saídas culturais.
“Todas as actividades están especialmente dirixidas ás idades e desenvolvemento psíquico-físico das persoas participantes e todas elas desenvolven tamén, de xeito transversal, valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, integración, hixiene e respecto ás normas”, sinalan dende a Fundación Universidade de Santiago de Compostela.
Persoas destinatarias
O programa está dirixido a nenos e nenas nacidos/as entre os anos 2005 e 2018 (ambos incluídos), fillos/as de persoal da USC, estudantado pertencente a esta institución, ou público en xeral, entre outras categorías contempladas no texto da convocatoria. O programa terá lugar de luns a venres (agás festivos) de 8.45 a 14.45 horas e atópase estruturado en cinco quendas que se estenden do 23 de xuño ao 7 de setembro. As prazas ofertadas son de 120 por quenda e poden solicitarse a través deste formulario electrónico.