Skip to main content

Unha investigación sobre o diagnóstico do traumatismo cranioencefálico, recoñecida pola Fundación Mutua Madrileña

De esquerda a dereita, Anxo Fernández, Marina Paradela, Álvaro Goyanes (que recolleu o diploma en representación de María José de Castro) e Izascun Buendía (que recolleu o diploma en representación de Ashwin Woodhoo)
De esquerda a dereita, Anxo Fernández, Marina Paradela, Álvaro Goyanes (que recolleu o diploma en representación de María José de Castro) e Izascun Buendía (que recolleu o diploma en representación de Ashwin Woodhoo)
Ashwin Woodhoo liderará o proxecto dende o CiMUS ao abeiro dunhas axudas que tamén outorgan financiamento a dous proxectos do IDIS no que participa a USC
Santiago de Compostela

A Fundación Mutua Madrileña financiará unha investigación do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) sobre unha nova diana molecular para o diagnóstico do traumatismo cranioencefálico, unha das principais causas de morte e discapacidade a nivel mundial, producida fundamentalmente por accidentes de tráfico, caídas, consumo de alcol e violencia. Liderada por Ashwin Woodhoo dende o grupo ‘Gene Regulatory Control in Disease’, o proxecto recoñecido é un dos catro galegos financiados pola Fundación con máis de 370.000 euros.

“A identificación de novos mecanismos moleculares implicados nesta patoxénese, resulta crucial para un mellor prognóstico dos pacientes, así como para o desenvolvemento de novas estratexias terapéuticas”, explica Ashwin Woodhoo, investigador principal do CiMUS da USC, que pertence tamén ao grupo Control de Regulación Xénica en Enfermidades do IDIS. No seu estudo analizarán a implicación da nedilación, un proceso no que se modifican as proteínas para regular a súa expresión e función. “De obter resultados positivos, a combinación dos biomarcadores existentes con novos que aumenten a especificidade, aceleraría a atención na fase aguda, axudaría a predicir e evitar a aparición de complicacións asociadas a máis longo prazo, e melloraría non só o prognóstico funcional dos pacientes senón a súa calidade de vida e a dos seus coidadores”, destaca o investigador.

A entrega das XIX Axudas á Investigación en Saúde, dotadas con dous millóns de euros, a 21 estudos clínicos que se desenvolverán en hospitais de toda España, tivo lugar nun acto presidido polo conselleiro de Saúde da Comunidade de Madrid, Enrique Ruiz Escudero; o presidente do Grupo Mutua e a súa Fundación, Ignacio Garralda; e o presidente do comité científico da Fundación Mutua Madrileña, Rafael Matesanz.

Outros estudos galegos financiados

Dous dos estudos galegos serán colaborativos, isto é, liderados dende centros de Galicia, malia que neles intervirán ata once equipos de centros de toda España. Co fomento deste tipo de investigacións, que teñen unha dotación propia dentro da Convocatoria de Axudas á Investigación en Saúde da Fundación Mutua, preténdese fomentar as sinerxías e o traballo cooperativo a distancia, co obxectivo de lograr resultados máis consistentes.

Na área das enfermidades raras, o equipo de Anxo Fernández, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), no que participa a USC, buscará novas dianas moleculares para tratar unha enfermidade rara, a cistinose infantil. Neste proxecto colaborativo participan sete institutos de investigación de diferentes comunidades autónomas, o Grupo de Enfermidades Raras da Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria, un investigador da Universidade de Pensilvania e o coordinador da Rede Europea de Referencia en Enfermidades Raras Oculares (ERN-EYE).

Tamén nesta área das patoloxías pouco frecuentes e no mesmo IDIS, María José de Castro, do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, utilizará a impresión 3D para mellorar a formulación dos medicamentos e facilitar a súa inxesta aos nenos e nenas afectados. Aproveitando os atributos únicos da tecnoloxía de impresión tridimensional o equipo pretende aumentar a eficacia, seguridade da medicación, palatabilidade e cumprimento coa medicación, adaptando dose, forma, tamaño e sabor da medicación aos gustos e requirimentos do neno.

Finalmente, un dos estudos colaborativos, na área de oncoloxía, coordínao Marina Paradela, dende o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), e avaliará a mellor técnica cirúrxica para resecar un tipo de cancro de pulmón, nun estudo no que participan equipos de Barcelona, Sevilla, Madrid e Valencia.

The contents of this page were updated on 06.30.2022.