Skip to main content

USCénica consolídase como plataforma de difusión para as “formas contemporáneas e innovadoras” da escena galega

Antonio López visitou a terraza do Auditorio da USC onde se desenvolven parte das actuacións, xunto á vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias. Tamén estivo presente Mercedes Rosón, concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade. FOTO: Santi Alvite
Antonio López visitou a terraza do Auditorio da USC onde se desenvolven parte das actuacións, xunto á vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias. Tamén estivo presente Mercedes Rosón, concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade. FOTO: Santi Alvite
O director do festival, Roberto Salgueiro, subliña a relevancia desta iniciativa que está a desenvolver a súa terceira edición e que naceu en 2020 “de xeito puntual para apoiar o colectivo escénico profesional” de Galicia
Santiago de Compostela

O festival das artes escénicas, USCénica, botou a andar no ano 2020, logo do primeiro confinamento, como unha iniciativa “puntual” coa que a USC pretendía “apoiar o colectivo escénico profesional galego” que estaba a atravesar por “unha situación económica complicada”. Así explica o director do festival, Roberto Salgueiro, o nacemento desta iniciativa que está xa a desenvolver a súa terceira edición como plataforma de difusión consolidada para as “formas contemporáneas e innovadoras” da escena galega. O programa de actividades continúa ata o sábado 9 de xullo coas interpretacións de Límites (Corpo Colectivo Transfronteirizo), Cía. Elahood, Bárbara Domínguez e The Swinging Flamingos.

USCénica traballa “só con compañías galegas”, subliña Roberto Salgueiro, proba de que a Universidade se está a implicar “directamente co país”. O programa de USCénica defínese por contar con “proxectos que teñen máis dificultade en verse” fronte a outras fórmulas máis comerciais, matiza Roberto Salgueiro.

“En tempos complexos coma os que vivimos, poucos elementos teñen tanta capacidade de contribuír á dinamización e reforzo das relacións sociais e persoais como a cultura. Por iso a USC, reforza a súa aposta por aquilo que nos une e nos inspira, por todas e cada unha das súas formas”, explicou o reitor Antonio López, quen este mércores 6 visitou a terraza do Auditorio da USC onde se desenvolven parte das actuacións xunto á vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias. Tamén estivo presente Mercedes Rosón, concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade.

Vertente pedagóxica

Doutra banda, Roberto Salgueiro subliña que USCénica posúe unha marcada “vertente pedagóxica” xa que as tarefas de produción corren a cargo do alumnado da aula e da compañía de teatro da USC. Ademais, o festival compleméntase con diversos cursos de formación.

Dende o 20 de xuño, USCcénica acolleu o talento de Paraíso Teatro, Laboratorio escénico Coop, Avelina Pérez, Helena Salgueiro, Elas (Asociación Ámbar), VACAburra, Diego Anido, Le BarLuthier, Estíbaliz Espinosa, Funboa Escénica e a Aula de Teatro da USC coa obra ‘A casa a forza’. As entradas para as vindeiras actuacións só poderán retirarse o mesmo día da función nos espazos onde se programa cada espectáculo, de acordo cos horarios que poden consultarse nesta ligazón.   

The contents of this page were updated on 07.07.2022.