Skip to main content

O IGFAE asesorou o equipo vencedor do certame ‘Beamline for Schools’ do CERN

Beamline for Schools (BL4S) é un concurso de física aberta a estudantes de secundaria de todo o mundo
Beamline for Schools (BL4S) é un concurso de física aberta a estudantes de secundaria de todo o mundo
O proxecto presentado polos estudantes de secundaria do Club de Física Enrico Fermi de Vigo contou coa axuda do profesor da USC, Juan Antonio Garzón
Santiago de Compostela

Estudantes de secundaria do Club de Física Enrico Fermi de Vigo gañaron a edición 2022 do concurso do CERN Beamline for Schools cun proxecto que contou co asesoramento do investigador do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, Juan Antonio Garzón. O podio compárteno con outros dous equipos da Elsewedy Technical Academy no Cairo (Exipto) e da École du Sacré-Coeur en Reims (Francia) cuxos experimentos tamén foron seleccionados. O premio para os estudantes españois e exipcios é unha viaxe ao CERN e para o equipo francés ao Sincrotrón Alemán de Electróns DESY (Deutsches Elektronen-Synchrotron) no outono de 2022 para realizar os experimentos premiados co apoio de persoal científico dos dous laboratorios.

O equipo do Club de Física Enrico Fermi ten a intención de estudar a carga inducida polo paso de partículas cargadas ultrarrelativistas nunha clase de detectores de gas chamados cámaras de placa resistiva multigap (MRPC). Están interesados na relación entre a carga producida no detector, a masa das partículas e o ángulo entre o feixe de partículas e o plano do detector.

O proxecto español gañador titúlase ‘Study of charge inducedy by relativistic particles of different masses in MRPC detectors’. A proposta xurdiu do investigador do IGFAE Juan Antonio Garzón, en colaboración con Pablo García do CIEMAT de Madrid, a axuda de Georgy Kornakov da Universidade Técnica de Varsovia, e de Alberto Blanco do LIP de Coimbra; estes dous últimos, colaboradores habituais do grupo de investigación LabCAF de Garzón no proxecto Trasgo. “A proposta experimental que fixemos ‒explica este investigador‒ pretende estudar con detalle un efecto anómalo que observou Georgy na súa tese doutoral, que fixo na USC baixo a miña dirección e que defendeu en 2012. Parece que nos detectores tipo RPC (Resistive Plate Chamber) a carga inducida polas partículas cargadas de moi alta enerxía que atravesan o detector depende da súa masa, efecto nunca visto anteriormente. De confirmarse, podería permitir o desenvolvemento de detectores sensibles á masa das partículas o que sería algo revolucionario”.

Unha liña de luz

Beamline for Schools (BL4S) é un concurso de física aberta a estudantes de secundaria de todo o mundo. Os e as participantes son convidados a enviar as súas propostas para un experimento que utilice unha liña de luz. As liñas de luz son instalacións que proporcionan fluxos de partículas subatómicas que o persoal científico utiliza para realizar experimentos en diferentes campos que abarcan a física fundamental, a medicina e a ciencia dos materiais. Operar unha liña de luz require aceleradores de partículas como os que se executan en CERN e DESY.

Beamline for Schools lanzouse en 2014 para celebrar o 60º aniversario do CERN e, dende entón, participaron máis de 14.000 estudantes de todo o mundo. O número de propostas presentadas ao concurso foi crecendo de forma constante nos últimos anos, e esta edición contou coa participación de 304 equipos, representando a 71 países.

The contents of this page were updated on 07.07.2022.