Unha investigación do CiMUS avalía o uso de fármacos antihipertensivos no tratamento da enfermidade de Parkinson

O eixo central da tese de Carmen Labandeira, neuróloga do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), avoga polo uso de fármacos antihipertensivos no tratamento da enfermidade de Parkinson. O estudo, dirixido por Ana Isabel Rodríguez dende o grupo de Neuroloxía Molecular e Celular da Enfermidade de Parkinson do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), no que tamén participan as investigadoras María Pedrosa e Rita Valenzuela, profunda na relación entre a síndrome metabólica e as enfermidades neurodexenerativas, un binomio cuxa conexión, abordaxe terapéutica e posibles solucións veñen analizando nos últimos anos dende diferentes enfoques. Neste estudo, a conxunción entre perspectiva básica e clínica resultou de gran importancia e xerou xa varias publicacións en revistas internacionais como NPJ Parkinson´s disease, Frontiers in Neuroendocrinology e outras.
As grandes patoloxías neurodexenerativas como a enfermidade de Alzheimer ou a de Parkinson constitúen na actualidade unha verdadeira epidemia silenciosa e son un problema sociosanitario que aumenta exponencialmente. Non existe aínda unha cura efectiva, debido á súa enorme complexidade. Con todo, identificáronse diversos factores que aumentan o risco de aparición e a progresión destas enfermidades neurodexenerativas. Entre eses factores identificáronse algunhas enfermidades tamén moi frecuentes como a diabetes ou a denominada síndrome metabólica, outro auténtico problema sociosanitario actualmente. Enténdese por síndrome metabólica a existencia de, polo menos, tres das seguintes alteracións metabólicas no mesmo paciente: niveis altos de glicosa ou triglicéridos, descenso do colesterol HDL (coloquialmente coñecido como “colesterol bo”), hipertensión e obesidade de predominio abdominal. O control destas enfermidades ou tratamentos xa utilizados nas mesmas poderían resultar de utilidade para combater a neurodexeneración.
Investigación básica e clínica
Seguindo esta liña de estudo, a investigadora clínica Carmen Labandeira desenvolveu a súa tese e atopou novas vías terapéuticas. “Como exemplo destes mecanismos de interacción entre síndrome metabólica e a enfermidade de Parkinson, vimos que un receptor, o tipo 1 de anxiotensina (AT1), presente nos vasos sanguíneos e cun papel relevante na hipertensión arterial, tamén é abundante nas neuronas que morren na enfermidade de Parkinson e nas células gliais do cerebro que promoven a neuroinflamación que acompaña á neurodexeneración”, explica a investigadora.
Ese receptor bloquéase dende hai anos mediante medicamentos antihipertensivos moi utilizados (ARAII ou sartanes). “Os nosos datos e algúns estudos clínicos recentes indican que eses fármacos poden ser de utilidade contra a enfermidade de Parkinson. Moi recentemente observamos que tanto en pacientes con esta patoloxía como con síndrome metabólica ou os seus compoñentes principais, como diabetes, xéranse autoanticorpos que sobreactivan os receptores AT1. Experimentalmente observamos que eses autoanticorpos aumentan a morte de neuronas dopaminérxicas (as que dexeneran na enfermidade de Parkinson) e aumentan a neuroinflamación, e que ambos os efectos poden bloquearse cos mencionados fármacos antihipertensivos”, apunta a neuróloga.
Necesidade de estudos adicionais
Investigacións previas e ampla bibliografía científica tamén indican que existen mecanismos comúns entre diabetes e neurodexeneración, e que algúns fármacos antidiabéticos poderían ser útiles contra a neurodexeneración e a enfermidade de Parkinson en particular. En todo caso, son necesarios estudos adicionais con grandes poboacións de pacientes para consolidar eses resultados.