Xa se poden presentar traballos ao II Concurso de vídeos ‘Móvete polos ODS’

‘Móvete polos ODS’ é o lema da segunda edición do concurso de vídeos que busca dar a coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas e sensibilizar a comunidade universitaria e a sociedade en xeral sobre a importancia de que todas as persoas forman parte da solución aos grandes retos mundiais en materia de desigualdade, cambio climático ou perda de diversidade, entre outras cuestións. O concurso está promovido pola Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD) que integran as tres universidades galegas.
A convocatoria premiará aqueles vídeos dun minuto de duración, presentados en formato mp4 e cuxa temática aborde como contribuír individualmente á consecución dalgunhas das 169 metas nas que se materializan os ODS ou aos obxectivos da Axenda 2030. Poderán presentar as súas propostas todo o alumnado matriculado nas universidades galegas, con vídeos producidos en cor ou en branco e negro cunha resolución mínima de 1280x720p, aínda que a ideal sería de 1920x1080p.
O xurado valorará a creatividade, innovación e impacto dos vídeos, que deberán non ter recibido ningún outro premio ou mención noutras convocatorias. A presentación de propostas poderá realizarse ata ás 14.00 horas do 30 de setembro. No caso de que figuren persoas que poidan ser recoñecidas, deberá acompañarse o traballo das correspondentes autorizacións para a cesión dos dereitos de imaxe e, no caso de menores, a autorización asinada por proxenitores ou titores legais. Os vídeos non poderán conter mensaxes comerciais, marcas rexistradas ou logotipos de produtos recoñecibles.
Os premios para os vídeos máis votados en YouTube consistirán nunha dotación económica de 550 euros para o traballo máis votado, 350 euros para o segundo e 200 para o terceiro. Outorgarase igualmente un premio á innovación, de 400 euros, no que se terá en conta o axuste á temático do concurso, o grao de innovación da presentación, a súa orixinalidade e a creatividade e calidade técnica na súa realización.