Salón de Graos
As iniciativas distinguidas no acto serán oito

O repositorio de boas prácticas naceu como medio para fomentar a cultura da calidade e estimular as iniciativas que desenvolven os diferentes centros da USC neste eido. Este luns 18 de xullo, o reitor Antonio López fará entrega dos diplomas de recoñecemento ás iniciativas seleccionadas ao abeiro da última convocatoria e que pasarán a integrar o devandito repositorio institucional. O acto terá lugar no Salón de Graos do Colexio San Xerome, a partir das 12.00 horas. Acompañarán ao reitor, a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso; e Antonio Mosquera González, adxunto á Vicerreitoría para Calidade.
As iniciativas distinguidas no acto serán oito e o seu recoñecemento implica o incremento da contía a recibir polo centro en cuestión nos fondos orzamentarios que perciba en 2022. As boas prácticas presentadas a esta convocatoria deben solucionar un problema ou contribuír á mellora continua dunha dimensión do sistema de garantía de calidade do centro; ter completado o ciclo de planificación, implementación, avaliación, axuste e mellora; estar aplicándose ou xerando os seus efectos no momento de ser presentada; ser eficaz respecto aos obxectivos formulados, eficiente respecto aos recursos empregados e efectiva nas solucións de problemas ou na mellora continua desexada; ser sostible, replicable e innovadora; e contar con suficientes evidencias do seu desenvolvemento e eficacia.