Skip to main content

Descobren por que a lactación materna prolongada protexe contra a obesidade na idade adulta

Equipo que desenvolveu a investigación, liderado por Luisa Seoane
Equipo que desenvolveu a investigación, liderado por Luisa Seoane
O equipo encargado do achado, xunto con outros equipos nacionais e internacionais, describe por primeira vez o mecanismo responsable deste efecto protector, incluso con dietas ricas en graxas
Santiago de Compostela

Evidenciar que as crías de roedores que se alimentan con lactación materna durante máis tempo teñen menos probabilidades de ser obesas na idade adulta, incluso expostas a unha dieta rica en graxas, é o último fito científico dun equipo de investigación do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e do CIBER de Fisiopatoloxía da Obesidade e a Nutrición (CIBEROBN). O traballo, que acaba de ser publicado na revista Nature Metabolims, diríxeo Luisa María Seoane e conta coa colaboración de grupos de Francia e Alemaña.

“Estamos moi satisfeitos porque, por primeira vez, describimos o mecanismo mediante o cal a lactación protexe fronte o desenvolvemento de obesidade con efectos a longo prazo na idade adulta”, explica Luisa Seoane. Os resultados obtidos demostran que as crías de roedores manteñen este efecto protector incluso expostas a dietas con alto contido calórico. Segundo os autores, este fenómeno pode explicarse pola liberación dunha proteína coñecida como factor de crecemento de fibroblastos 21 (FGF21) dende o fígado, que pode chegar ao hipotálamo, a rexión do cerebro que desempeña un papel chave no control do consumo e a utilización de enerxía no organismo. Unha vez no hipotálamo, o FGF21 activa os receptores de dopamina, un neurotransmisor con múltiples funcións biolóxicas. Isto, á súa vez, conduce a unha maior actividade da graxa parda, a que queima calorías e, polo tanto, ocasiona un maior gasto enerxético.

Se ben o impacto da nutrición materna na descendencia tense estudado amplamente, os mecanismos polos que inflúe no equilibrio enerxético ao longo da vida aínda non se coñecían. “O noso traballo describe por primeira vez a existencia dun mecanismo alterado pola lactación materna con efectos permanentes ata a idade adulta e que involucra tanto a órganos periféricos, como o fígado ou tecido adiposo e ao cerebro”, explica a doutora Seoane.

Como explican dende o equipo de investigación responsable, aínda que é a primeira vez que se describe o mecanismo responsable dos efectos beneficiosos da lactación materna constituíndo un logro sen precedentes, recoñecen igualmente que “se necesitan, non obstante, investigacións futuras para determinar se estes efectos ocorren tamén a través de estudos clínicos e comprender mellor os beneficios metabólicos a longo prazo da lactación materna”.

Traballo de colaboración

O traballo, cuxas primeiras autoras son Verónica Peña, Cintia Folgueira e Silvia Barja, liderouno a doutora Luisa Seoane, directora do grupo de investigación Fisiopatoloxía Endocrina do IDIS, e o profesor Rubén Nogueiras, do Grupo de Metabolismo Molecular, da USC, ambos adscritos ao CIBEROBN. O estudo forma parte dunha liña de investigación do grupo iniciada en 2010 a través dun proxecto financiado polo Servizo Galego de Saúde. No seu desenvolvemento colaboran distintos grupos do Hospital Clínico Universitario de Santiago, do Centro Nacional de Investigación Cardiovascular (CNIC) e grupos de Lille e Marsella (Francia) e Lubeck (Alemaña).

The contents of this page were updated on 07.22.2022.